Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Nicolás Carrera retén o seu cetro autonómico no VigoBikeContest

14 DE JUNIO DE 2021

O sub23 do Team Justbikes-Transition foi o máis rápido no Campionato de Galicia de Enduro BTT por terceira edición consecutiva. Mauro González rematou segundo e fíxose co título Elite por diante de Marco Veiga.

Nicolas-Carrera-reten-o-seu-cetro-autonomico-no-VigoBikeContest

Unha semana despois de proclamarse Campión de España Sub23 en Mugardos, Nicolás Carrera soubo manexar a presión de ser o favorito e non fallou na súa casa. O rider do Teamjustbikes-Transition impúxose este domingo na VigoBikeContest, a cita que nos montes da parroquia olívica de Saiáns repartiu dez títulos autonómicos de Enduro BTT.

Ante a imposibilidade de usar o seu escenario habitual de Coruxo, a organización deste evento, liderada polo Singletrack Outdoor Sports, demostrou o seu saber facer nesta especialidade do BTT. O percorrido por Saiáns puxo a proba tanto a resistencia como a habilidade dos case 200 participantes. Tres treitos moi físicos, facendo dúas pasadas polo segundo e o terceiro para completar a tarxeta de cinco sectores cronometrados, nos que a calor converteu a habitual terra mollada en po e area. Unha xornada de Enduro con maiúsculas.

Tal e como aconteceu nas dúas anteriores edicións do Campionato de Galicia, 2018 e 2019, Nicolás Carrera encabezou a táboa scratch. O vigués asinou o mellor rexistro en todos os tramos excepto no segundo, onde se impuxo o elite Mauro González (Salvaterra), o rival que máis lle esixiu ata o final para facerse coa vitoria absoluta.

O rider do Justbikes-Transition mantívose firme e venceu cun crono de 15:10.057, batendo por 7 segundos a González e por 19” ao tamén elite Marco Veiga (Ciclos Quintena), que viña de lograr o subcampionato estatal na Montefaro Enduro Race. O terceiro chanzo do podio na categoría raíña masculina ocupouno Francisco Vilaboa (Máis Que Bicis), mentres que na foto dos tres mellores sub23, Carrera aparece escoltado por David Fernández (Avanza-O Porriño) e Cristian Novo (VK Bikes), segundo e terceiro respectivamente.

Masters no Top-10

A quinta praza no ranking absoluto, por diante do elite Paul Thiebaut (Ciclos Quintena), correspondeu ao piloto que se vestiu coa camisola de campión de Galicia Máster-40. José Manuel López Vaqueiro (VK Bikes) meteuse entre os cinco máis rápidos e o segundo clasificado neste grupo de idade, Marcos Balbuena (Bici O Con), fixo noveno. Xunto a eles colgouse unha medalla, a de bronce, Juan Andrés Rodríguez (+Enduro).

O sétimo na táboa scratch, Santos Lemos (Grupetta Pan de Zarko), recuperou a coroa autonómica Máster-30 que perdera no 2019 e dende o primeiro treito foi acumulando vantaxe sobre Alejandro Vila (Xtrembike), que se adxudicou a prata, e o terceiro clasificado nesta categoría Miguel Castelo (THC Bikes).

Triplo do Coruxo

As outras dúas prazas do Top-10, a oitava e a décima, acadáronas juniors do Coruxo. Anxo Carril superou a Raúl Miranda no festival do conxunto vigués, que monopolizou o podio xuvenil con Manuel Loureiro subindo ao terceiro chanzo.

Correndo ao carón da súa parroquia, o Coruxo tamén dominou nos cadetes, categoría que se disputou sobre tres treitos. Danny Buba apuntouse o triunfo e Luis Cabaco conseguiu o terceiro posto. Entre o dúo da formación olívica coouse Uxío Atrio, do Academia Postal de Maceda.

Competir na casa tamén o aproveitou Adolfo Gallego, do conxunto anfitrión Singletrack Outdoor Sports, para triunfar nos máster-50, con Antonio Lago (XBikes) na segunda posición e Carlos José Táboas (Québici-Marcisport), vixente campión estatal 50 B, rematando terceiro.

En canto ás mulleres, na VigoBikeContest entregáronse tres título autonómicos. A máster-30 Estefanía Cabarcos (Rocasport-Giant) estableceu os mellores cronos en todos os parciais. Segunda na táboa scratch, e primeira elite, foi Isabel Castro (Condado Bike), que se impuxo a Gemma Chapela (VK Bikes) na categoría raíña. Lucía Piñeira (Pontebike) levouse o maillot de campioa cadete.

Clasificacións 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es