Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Copa de España rematou na Montefaro Enduro Race cun festín galego

212024

Cinco vitorias -entre elas a absoluta masculina de Kevin Méndez-, outros nove podios e tres títulos para os riders da nosa comunidade

A-Copa-de-Espana-rematou-na-Montefaro-Enduro-Race-con-festin-galego

Fotos: Drained Soul / Lost in Woodlands

Por segundo ano consecutivo a Copa de España de Enduro resolveuse na Montefaro Enduro Race. Un mes e unha semana despois do Endurrazo 2024, o certame estatal regresou a Galicia e os riders da nosa comunidade déronse un festín. Tres títulos, cinco vitorias parcias e outros nove podios foi o balance do noso Enduro na entrega de premios que se celebrou en Ares. 

O evento do Club Pulpeiros Mugardos tivo a dous corredores de Ferrolterra como os rápidos da xornada. Kevin Méndez, despois de marcar un rexistro final de 16'08"487, conseguiu bater por 4 segundos a Marco Veiga na loita pola vitoria elite e absoluta. O ferrolán do Rocasport Giant e o naronés do CiclosQuintena mantiveron un fermoso man a man nos cinco treitos cronometrados do percorrido de 36 quilómetros e 1.263 metros de desnivel. A terceira posición scratch correspondeu ao sub-23 asturiano Diego Menéndez (Cares Deva), a 35 segundos de Méndez, e o podio elite foi 100% galego con Mauro González ocupando o terceiro chanzo. O de Salvaterra fixo sexto na táboa absoluta.

Veiga chegou á Montefaro Enduro Race coas clasificacións xerais Elite e Absoluta no peto ante a ausencia do canario Edgar Carballo, o único rider que o podía desbancar dos dous liderados. Deste xeito, o piloto de Narón revalidou as coroas que xa conquistou o ano pasado. 

O outro título galego na Copa de España de Enduro 2024 asinouno David Fernández (Avanza - O Porriño) nos sub-23. O tudense presentouse na última xornada como líder e cun segundo posto, por detrás de Menéndez, certificou un éxito que xa lograra no 2023. Na clasficación absoluta da Montefaro Enduro Race fixo oitavo. 

imagen  

No resto de categorías masculinas houbo representación galega no caixón, coa excepción do grupo de idade máster-60. Leo Álvarez (Pulpeiros Mugardos) obtivo a segunda praza nos cadetes; Hugo Rosendo (Cercedo-Cotobade), a terceira nos juniors; e nos masters rexistráronse tres triunfos. Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko) venceu nos 30, con Javier Rodríguez (Rocasport Giant) finalizando terceiro; Borja Caneiro (Rocasport Giant) impuxóse nos 40, grupo de idade no que José Manuel López Vaqueiro (VigoEnduro) clasificouse terceiro; e Marcos Balbuena (Bici O Con) triunfou nos 50 e no podio acompañouno José Darío Mesías (Pulpeiros Mugardos), terceiro. 

Tres masters da nosa comunidade concluíron a Copa de España entre os tres primeiros dos rankings da xeral. Pedro Dapena (CiclosQuintena) perdeu o liderado nos 40 logo de quedar cuarto na Montefaro Enduro Race e ver como lle empataba a puntos o vasco Endika Arizmendiarreta (Arauntza Riders). Jose Ernesto Camesella (Monteboi) mantivo o segundo posto nos 50 e Santos Lemos subiu á terceira praza nos 30. 

A raíña feminina da xornada foi a sub-23 asturiana Cristina Menéndez (Cuetos Bike), cun tempo de 19'13"805 e mellorando en 38" o rexistro da súa irmá, a júnior Natalia Menéndez (Cuetos Bike). A castelá-leonesa Sara Yusto (Lácteas Cobreros) terminou terceira e dominou nas elites, categoría na que Alba Arias (CiclosQuintena) acadou a terceira posición, sendo quinto na táboa absoluta. A de Arteixo tamén rubricou a terceira praza na xeral da Copa de España. Malia non participar nesta cita, Arantxa Gómez (OsdoSacho) conservou o terceiro posto no ranking júnior.  

imagen

Clasificación

Máis información

Fotos galería: Robus Pazos / Rubén Seco

A Copa de España rematou na Montefaro Enduro Race cun festín galego
A Copa de España rematou na Montefaro Enduro Race cun festín galego
A Copa de España rematou na Montefaro Enduro Race cun festín galego
 
Logo secundario CICLISMO GALEGO FEDERACION

CICLISMO GALEGO FEDERACION

Rúa Fotógrafo Luis Ksado nº 17 36209 | Vigo (Pontevedra)
986224158