312025
Fotos: Luz Iglesias
O noso Cross Country desfrutou da primeira xornada da temporada para todas as idades este sábado en Cuntis. Pola mañá tivo lugar a cita inaugural do calendario de Mini BTT e pola tarde disputouse a segunda proba puntuable da Copa Galicia XCO. Dous eventos organizados polo Club de Montaña Xesteiras no circuíto do Campo das Canteiras e que reuniron a preto de 650 bikers.
O broche de ouro a un fermoso día de BTT púxose cunha emocionante carreira elite e sub-23 masculina. Saúl López (Academia Postal - Maceda) impúxose a Jorgue Aguín (Supermercados Froiz) nun duelo de case 1 hora e 20 minutos de duración que se decidiu por unha diferenza de 22 segundos a prol do corredor monfortino, gañador no 2022 da primeira edición do XCO Vila de Cuntis. A terceira praza absoluta correspondeu ao vencedor sub-23 Iván Belmonte (Padronés-Cortizo). Luis Fernández Oliveira, segundo na apertura da Copa Galicia a fin de semana anterior en Outeiro de Rei, fixo cuarto e aproveitou a ausencia de Iván Feijoo, dominador da primeira xornada, para situarse como novo líder elite. A quinta praza ocupouna Martín Díaz (XSM), defendendo con éxito a camisola da xeral sub-23.
Os triunfos nas outra categorías masculinas obtivéronos Mateo Hermida (Lynalfa - Ponteareas) en Infantil, Arón Gomez (Coruxo) -con 5 segundos de vantaxe sobre Manuel Souto (Xesteiras)- en Cadete, Marcos Rodríguez (Academia Postal-Maceda) en Júnior, Manuel Parada (Xesteiras) en Máster-30, Marcos López (Xesteiras) en Máster-40, Antonio Rodríguez (Ourense Termal) en Máster-50 e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) en Máster-60.
A portadora do maillot sub-23 da Copa repetiu no III XCO Vila de Cuntis O Quinteiro a vitoria acadada o sábado anterior no trazado de Penas de Rodas. A ponteareá Uxía Soto volveu controlar con comodidade a carreira raíña feminina. A representante do Extol-Zambora.es encabezou a clasificación seguida por outras dúas sub-23, Yaiza Vila (Creto Bikes) e Nerea Martínez (Avanza-O Porriño), segunda e terceira respectivamente. Ao máis alto do podio tamén subiron a infantil Lara Fernández (Cambre), a cadete Iris Santana (Coruxo), a máster-40 Beatriz Vicente (Podium Team) e a júnior Fátima González (Máis Que Bicis), que ergueu os brazos nun final moi axustado ante Elba Hermida (Lynalfa-Ponteareas).
O premio de mellor equipo da xornada quedou na casa. O Xesteiras recolleuno nunha entrega de trofeos que se pechou coa foto de familia dos líderes da Copa Galicia XCO despois das dúas primeiras probas: Lara Fernández e Mateo Hermida en Infantil, Iris Santana e Arón Gómez en Cadete, Fátima González e Marcos Rodríguez en Júnior, Uxía Soto e Martín Díaz en Sub-23, Luis Fernández Oliveira en Elite, Manuel Parada en Máster-30, Beatriz Vicente e Marcos López en Máster-40, Antonio Rodríguez en Máster-50 e Manuel Bugallo en Máster-60.
O certame autonómico de Cross Country continuará o 12 de abril no Porriño. Toda a información sobre esta competición coordinada pola Federación Ciclismo Galego podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCO25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es