Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Tamara Seijas suma no Desafío Dama Roja un novo podio elite na Copa de España de XC Maratón

162025

Manuel Casuso impúxose entre os máster-40 e consolidou a súa condición de líder

Tamara-Seijas-suma-no-Desafio-Dama-Roja-un-novo-podio-elite-na-Copa-de-Espana-de-XC-Maraton

A Copa de España de XC Maratón levaba case dous meses de parón, dende a Ruta do Lacón en Cuntis, e celebrou este domingo a terceira proba do seu calendario. O Desafío Dama Roja, en Ramales de la Victoria, ofreceu un percorrido de 58 quilómetros e preto de 2.000 metros de desnivel positivo acumulado. No evento que o vindeiro ano exercerá de Campionato de Europa desta especialidade, dous fondistas galegos pisaron o caixón. 

A lalinense Tamara Seijas non se baixa do podio esta temporada na Copa de España. A corredora do RG Bikes Scott Team obtivo a terceira praza elite e a novena absoluta cun tempo de 5 horas e 15 minutos. Cruzou a liña de meta a máis de 1 hora da líder e gañadora absoluta da xornada, a andaluza Natalia Fischer (Extremadura Ecopilas), que se impuxo por 11 minutos de vantaxe ante a elite asturiana Cristina Morán (Cangas de Onís). O resultado da galega permítelle manter a segunda praza na xeral. 

Tamén conserva a súa praza no ranking Manuel Casuso e esa posición non é outra que a de líder máster-40. O santiagués do Xesteiras repetiu a vitoria acadada no seu grupo de idade na Ruta do Lacón. Por 11 minutos e 32 segundos de diferenza dominou no desafío cántabro por diante do asturiano Adrián García (Cares Deva). Este triunfo, cun tempo de 3:33:01, permítelle ampliar o seu colchón de puntos no máis alto da táboa a 245. 

imagen

Aos tres primeiros postos da xeral máster-30 accedeu outro representante do Xesteiras. O ribeirense Manuel Ángel Parada ocupa agora a terceira praza, a 8 puntos da segunda e a 138 da primeira, logo de facer cuarto en Ramales de la Victoria. O percorrido completouno en 3:36:05, finalizando a 11:48 do terceiro clasificado.

Á Copa de España de XCM réstanlle dous desafíos. O seguinte será o Maratón BTT Sierra de Cazorla, o 7 de setembro, na provincia de Jaén. 

Máis información

 

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es