272023
Fotos: RFEC
A terceira edición do Gran Premio Cidade de Pontevedra tivo nas corredoras galegas a algunhas das principais protagonistas en dúas das tres carreiras celebradas este domingo. Lorena Patiño (XSM) rozou a vitoria na competición cadete ao igual que a súa compañeira de equipo María Filgueiras na proba júnior, unha quenda na que Marina González(Illas Cíes) acadou o triunfo entre as máster-40. A francesa Cécile Lejeune (Massi Tactic), gañadora elite-sub23, coroouse como a gran raíña da terceira xornada da Copa de España feminina Cofidis.
A Avenida das Corbaceiras acolleu a saída e a chegada do evento organizado por Noko 360 Sports e que volveu ter o Alto da Porteliña como xuíz principal. As primeiras que o ascenderon foron as cadetes, unha carreira disputada sobre 44 quilómetros e na que dúas ciclistas da nosa comunidade remataron entre as cinco primeiras. A marinense Lorena Patiño xogouse a vitoria na recta final nun man a man coa navarra Paula Ostiz (Nafarroa), que mantivo a súa condición de líder invicta na Copa de España.
A 14 segundos do dúo de cabeza chegaron tres corredoras con Alejandra Neira (Cambre Caeiro) facendo quinta e sumando 41 puntos que lle permiten subir un posto na xeral para colocarse terceira, dúas posicións por diante de Lorena Patiño.
O XSM de Marín, nunha proba que transitaba polo seu concello, tamén soñou co triunfo ata os últimos metros con María Filgueiras nas juniors. A ciclista de Miño, vencedora o domingo anterior en Beasain, abriu oco xunto á líder Ayala Serrano (Zu-K), pero unha caída na última curva impediulle esprintar coa vasca no desenlace dos 65,4 km de percorrido. A galega refíxose a tempo para obter a segunda praza, mesmo posto que agora ocupa na xeral.
A 5" de María Filgueiras cruzou a liña de meta un grupo de 18 unidades. Neste reducido pelotón Andrea Prado (CCB Becani) conseguiu a oitava posición e as súas costas dúas máster-40 dilucidaron a vitoria no seu grupo de idade.
A pugna non puido estar máis emocionante. Marina González entrou a décimo cuarta e a canaria Montserrat Pereira (Arrival Tenerife), a decimoquinta. Deste xeito, a verinense residente en Vigo debutou nesta edición da Copa de España feminina Cofidis subindo ao máis alto do podio. Outras tres masters galegas se clasificaron entre as dez primeiras das súas categorías: sexta Pilar González (Bici O Con) nas 40, e sétima e décima, respectivamente, Iria Nieto (Compostelano) e Judit Jácome (Maese Riders) nas 30.
O Gran Premio Cidade de Pontevedra pechouse coa carreira Elite-Sub23 sobre 99 km. O dobre paso pola Porteliña deixou á fronte a un trío formado por Cécile Lejeune e dúas representantes do Laboral Kutxa. Malia a súa inferioridade numérica, a francesa superou a Alba Teruel e a Eneritz Vadillo. Como primeira galega concluíu Irene Trabazo (XSM) na 35ª posicion.
A Copa de España feminina Cofidis tómase agora un respiro e regresará o 22 de abril no municipio leonés de Villaquilambre.
FORMACIÓN
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es