Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Copa Galicia do Porvir: A Ruta do Albariño segue falando portugués

202023

A formación lusa do Landeiro apuntouse a vitoria nos cadetes e asinou unha tripla nos juniors. Alejandra Neira e Lara Fuentes outorgáronlle os triunfos femininos ao Cambre-Renault Caeiro en Cambados

Copa-Galicia-do-Porvir-A-Ruta-do-Albarino-segue-falando-portugues

Fotos: Asier Torrado

A Ruta do Albariño - Memorial Modesto Sánchez Alba 'Teto' estreou formato na súa décima edición. As catro categorías da Copa Galicia do Porvir competiron o pasado sábado en Cambados e dous equipos repartíronse o botín de triunfos na décima edición proba organizada pola Federación Ciclismo Galego (FCG). O Cambre-Renault Caeiro fíxose coas dúas vitorias femininas e o Landeiro portugués coas masculinas. 

Tal e como aconteceu nos últimos anos, os junior lusos exhibíronse na comarca do Salnés. Nesta ocasión o recital asinouno cunha tripla a formación do Landeiro nunha cita que exerceu de segunda xornada da Copa Galicia do Porvir para xuvenís e que repartía puntos para o ranking da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC). Os 112 quilómetros de percorrido alcanzábanse logo de realizar tres veces un circuíto de 21 km con epicentro en Cambados e afrontar unha última volta que incluía o ascenso ao Alto do Busto. 

O movemento clave da carreira chegou na segunda volta pequena. Tres corredores do Landeiro -Gabriel Baptista, Bruno Lopes e André Andrey- fugáronse xunto a Tomás Pombo (Padronés Cortizo). O cuarteto consolidou a súa vantaxe por riba do minuto e na subida ao Busto o trío do equipo luso conseguiu descolgar ao ciclista carballés para presentarse na recta de meta da Avenida de Galicia en Cambados con tempo suficiente de festexar a tripla. Baptista entrou por diante dos seus compañeiros e vestiuse de líder da Copa. O esprint do pelotón pola cuarta praza dominouno Pombo superando a Lois Dejesús (Farto-BTC).

O Landeiro festexara na primeira carreira da tarde a vitoria nos cadetes. A proba de 46 km resolveuse cun grupo de oito unidades xogándose o triunfo nos metros finais, sendo o máis rápido Gonçalo Rodrigues. A segunda posición acadouna Diego López (Cambre-Renault Caeiro), reforzando a súa condición de primeiro na xeral da Copa, e Anxo Delgado (Compostelano) rematou terceiro. 

Xunto aos cadetes competiron as cadetes e as juniors, co Cambre-Renault Caeiro subindo dúas veces ao máis alto do podio. A cadete Alejandra Neira, invicta esta campaña na Copa, chegou a meta no pelotón principal e na entrega de premios estivo escoltada por Irene Signo (Lynalfa-Ponteareas) e Ivet Ivanova (Cambre-Renault Caeiro), segunda e terceira respectivamente. Pola súa banda, Lara Fuentes venceu nas juniors e vestiuse de líder do certame autonómico. 

Os trofeos encargáronse de entregalos Samuel Lago, alcalde de Cambados; Antonio Casal e Diego Rumbo, directivos do Club Ciclista Cultural Cambados; e David Carrillo e Óscar Sánchez, representantes da FCG. Esta cerimonia pechouse coa homenaxe 'Teto' na que participaron os seus familiares. Este vindeiro sábado renderase tributo en Cambados a outra figura histórica do noso ciclismo coa celebración do LIII GP Albariño-Memorial Ernesto Falcón.

A Copa Galicia do Porvir regresará para as cadetes, os cadetes e as juniors coa súa cuarta xornada o 16 de xullo no Trofeo Vila de Luou e unha semana máis tarde haberá cita para as catro categorías, ao igual que en Cambados, no Gran Premio de Ciclismo Concello de Luou o día 22. Toda a información sobre este certame podes atopala na súa sección dentro desta páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPorvir23.  

 

Clasificación Júnior masculina

Clasificacións Cadetes e Júnior feminina

Copa Galicia do Porvir: A Ruta do Albariño segue falando portugués
Copa Galicia do Porvir: A Ruta do Albariño segue falando portugués
Copa Galicia do Porvir: A Ruta do Albariño segue falando portugués
Copa Galicia do Porvir: A Ruta do Albariño segue falando portugués
Copa Galicia do Porvir: A Ruta do Albariño segue falando portugués
Copa Galicia do Porvir: A Ruta do Albariño segue falando portugués
Copa Galicia do Porvir: A Ruta do Albariño segue falando portugués
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es