Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Samuel Flórez ergue os brazos na clausura da Copa Galicia de Estrada en Betanzos

112024

O Padronés Cortizo engadiu a vitoria na Volta á Comarca Brigantina aos seus triunfos na xeral Sub23 con Marc Torres e na Elite por medio de Ramón Fernández

Samuel-Florez-ergue-os-brazos-na-clausura-da-Copa-Galicia-de-Estrada-en-Betanzos

A 28ª Volta á Comarca Brigantina exerceu este sábado de cuarta e última cita puntuable da Copa Galicia de Estrada para corredores elite e sub-23. O Padronés Cortizo fíxose coas dúas clasificacións xerais e tamén coa vitoria na liña de meta de Betanzos nun desafortunado final para o ciclista que ocupou a segunda posición nesta carreira por segundo ano consecutivo. O chileno José Autrán (Supermercados Froiz) foise ao chan na subida final á Praza da Constitución deixando en bandexa o triunfo ao seu único acompañante, ao colombiano Samuel Flórez.

imagen

A proba organizada polo Club Ciclista Betanzos estreou percorrido. O trazado de 160 quilómetros presentaba como principais novidades un treito de sterrato en Beche e a a espectacular subida ao Miradoiro do Vieiro no concello de Aranga, a 50 km da liña de meta. Cinco ciclistas distanciáronse moito dos demais, pertencendo catro deles ao Padronés Cortizo. Porén, esa superioridade numérica converteuse nun man a man entre corredores sudamericanos de diferentes conxuntos. O sub23 Flórez e o elite Autrán chegaron xuntos ao último quilómetro, onde a fortuna non acompañou ao representante do Supermercados Froiz. 

O gañador ergueu os brazos con 17 segundos de vantaxe respecto ao seu acompañante e con 35" sobre os seus compañeiros de equipo Jorge González e Marc Torres, terceiro e cuarto respectivamente. A quinta praza correspondeu ao vencedor desta proba no 2023, ao checo Vojtech Kminek, a 1'29" de Flórez. O sexto clasificado, Frank Sebastián Flórez (Lasal Cocinas - Craega), cruzou a liña de meta a case 7 minutos do colombiano do Padronés Cortizo. 

O rei desta edición da Volta á Comarca Brigantina tamén se apuntou a Montaña, o premio dos Sprints Especiais foi para David Pollán (Lasal Cocinas-Craega) e o das Metas Volantes para Autrán. 

imagen

A cerimonia de podio pechouse coa entrega das camisolas de líderes finais da Copa Galicia. A dos sub-23 tíñaa garantida matemáticamente antes da disputa desta proba o balear Marc Torres. A que sí cambiou de propietario, pero non de equipo, foi a elite. O asturiano Ramón Fernández, décimo terceiro en Betanzos, desbancou do máis alto da táboa ao seu compañeiro na formación padronesa Carlos Gutiérrez. 

Toda a informacón sobre este certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaEstrada24 e na súa sección dentro da nosa páxina web

Clasificación

Fotos: Concello de Betanzos / G.D. Supermercados Froiz

 
Logo secundario CICLISMO GALEGO FEDERACION

CICLISMO GALEGO FEDERACION

Rúa Fotógrafo Luis Ksado nº 17 36209 | Vigo (Pontevedra)
986224158