Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Clásica de Pascua, dentro da nova Challenge Futura

042025

A carreira de Padrón será unha proba 1.2 UCI no 2026

-A-Clasica-de-Pascua-dentro-da-nova-Challenge-Futura

Fotos: Padronés Cortizo

 

A Clásica de Pascua, decana das probas galegas de ciclismo de estrada, formará parte do calendario UCI a próxima temporada como proba 1.2. Así o confirmaba este xoves a Unión Ciclista Internacional, oficializando a inclusión da carreira organizada polo Club Ciclista Padronés na nova Challenge Futura, unha competición impulsada pola Real Federación Española de Ciclismo.

Máis aló do prestixio que supón este recoñecemento, a cualificación da Clásica de Pascua como proba UCI conlevará a participación de ProTeams e Continentais que competirán cos elite e sub-23. "É unha gran noticia para o noso club", explicaba feliz o presidente do Padronés, Tanis Vázquez, adiantando que na Clásica de Pascua "participarán 12 equipos profesionais e 10 afeccionados", e aínda que o regulamento definitivo "está a ultimarse" é segura a presenza do anfitrión, o Cortizo, como líder da clasificación estatal sub-23 a pasada campaña. Tamén se dá por feita a presenza do Caja Rural, Kern Pharma, Burgos Burpellet BH, Euskaltel Euskadi, Arabay Illes Balears e Movistar Academy, completándose a ducia de escuadras profesionais con outras de procedencia internacional.

imagen

A Clásica de Pascua sobe de nivel e pasa a situarse na mesma liga que outras carreiras nas que competiu o Padronés o pasado ano en Francia e Italia, medíndose a adversarios de superior categoría, algo que non era posible ata o de agora en España. Con todo, o lanzamento da Challenge Futura, que ademais da Pascua tamén integrará o GP Primavera de Ontur, supoñerá un cambio de paradigma, algo que celebra o director deportivo do Cortizo, Marcos Serrano. “Os equipos elite e sub-23 levabamos anos reivindicando que se puidese facer aquí o que xa era común en países da nosa contorna. A temporada pasada, nós disputamos no calendario internacional o Circuito das Árdenas, o Giro do Beldevere ou o GP Palio del Recioto competindo con corredores de superior categoría. Que esa posibilidade agora tamén chegue a España é unha gran noticia, xa que vai supoñer un salto de calidade para os nosos ciclistas e creo que por aí debe ir o futuro do calendario nacional nos próximos anos”, conclúe o técnico de Chapela. 

Este xoves quedaba definido o ascenso de nivel da Clásica de Pascua e tamén a data de de a súa próxima edición, a 63ª, que terá lugar o 12 de abril do próximo ano. "Será un día de dobre celebración en Padrón coa clausura das festas no Domingo de Pascuilla e o regreso do ciclismo de primeiro nivel á vila”, recoñece Tanis Vázquez, quen remarca que a proba quedará encadrada "entre a Volta ao País Vasco e O Gran Camiño”. E é que a carreira organizada polo Padronés celebrarase dous días antes do inicio do gran evento promovido por Ezequiel Mosquera, convertendo a Galicia no epicentro do ciclismo internacional durante esa semana.

Fonte: Club Ciclista Padronés Cortizo 

Máis información

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es