Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Ángel Suárez, subcampión de España de Descenso en La Pinilla

292024

A Selección de Galicia conseguiu tres postos top-10. Dous títulos e outras dúas medallas para os masters da nosa comunidade.

angel-Suarez-subcampion-de-Espana-de-Descenso-en-La-Pinilla

O Descenso galego amosou o seu potencial este domingo no Campionato de España 2024 celebrado no Bike Park segoviano de La Pinilla. A gran referencia desta especialidade na nosa comunidade, o catro veces campión estatal Ángel Suárez, colgouse a medalla de prata na categoría raíña masculina; os masters lograron dous títulos e outros dous podios; e a Selección de Galicia colleitou tres postos top-10. Unha vez máis, o combinado dirixido por Eva Castro e o seu axudante Luis Manovel apostou por riders en proceso de formación.

A Selección de Breogán participou en catro categorías e obtivo os seus mellores resultados nas clasificacións juniors. Entre os doce mellores xuvenís masculinos metéronse os tres representantes do equipo da Federación Ciclismo Galego (FCG). Héctor Quinteiro rematou sétimo cun tempo na final de 2:38.17 -quedando a 5" do podio-, Hugo Rosendo fixo décimo (2:41.87) e Raúl Romero concluíu duodécimo (2:47.20). En canto á competición júnior feminina, Alexia Santervas ocupou a cuarta praza cun rexistro de 4:22.03. Da terceira praza separárona 41".

Preto dos dez primeiros, a 4", finalizou nos cadetes Mario Barreiro, duodécimo cunha marca de 2:50.35. Unai Castillo, competindo co Bici Verde, acadou a décimo quinta posición (2:53.56) e Xabia Rial terminou 23º (3:01.90) defendendo as cores da Selección. A actuación do combinado galego completouna Xoel Pereira, 38º na táboa absoluta da categoría raíña e duodécimo entre os sub-23 (2:49.55). "Os corredores renderon bastante ben. Están un pouco lonxe dos tempos dos mellores, pero agora mesmo nos cadetes e nos juniors hai moito nivel e as medallas cotízanse moi caras. O importante é que están traballando, van seguir facéndoo nesa liña, e saben onde están", valorou Eva Castro. 

imagen

O paddock da FCG recibiu o sábado, na xornada reservada aos adestramentos, a visita do elite vigués Ángel Suárez. O rider máis internacional do descenso español ofreceu consellos ás promesas da Selección de Breogán sobre a baixada de La Pinilla e ao día seguinte el mesmo levounos á práctica nunha batalla con corredores sub23. O piloto do Frameworks Racing e con licenza do Vigo-Rías Baixas marcou a pauta na clasificatoria, superando por un segundo e medio ao madrileño Daniel Castellanos (Planet MTB). A igualdade anunciaba unha final vibrante así foi. 

Desta vez non se cumpriu a tradición dos anos bisestos. O tetracampión Súarez venceu nos Campionato de España do 2016, do 2018, do 2020 e do 2022, pero o do 2024 resistíuselle. Castellanos, na súa primeira temporada como sub23, conquistou a coroa grazas a un rexistro de 2:24.11, sendo tres décimás máis rápido que o olívico (2:24.40). O terceiro chanzo do caixón correspondeu ao sub23 e defensor do título Pau Menoyo (Bike Abadeses), que detivo o cronómetro en 2:26.33. 

imagen

Os elites galegos Marco Veiga (CiclosQuintena) -2:36.59- e Gabriel Alonso (Tribu del Ñu) -2:38.91- conseguiron praza entre os vinte mellores da categoría raíña. Décimo terceiro e décimo sexto, respecticamente. No que respecta ás elite e sub23 femininas, Desiree Fernández (RSBike Boiro) acabou duodécima cun tempo de 4:14.16.

Masters

Dous galegos vestíronse coa camisola rojigualda nos grupos de idade máster. O 'crono' de 2:46.64 establecido na final por Manuel Pellón (BDM Bike) serviulle para dominar nos 30B, clasificación na que Carlos Díaz (CiclosQuintena) quedou cuarto a 31 centésimas do podio -2:48.61-. O outro título do descenso da nosa comunidade protagonizouno Marcos Balbuena (Bici O Con) nos 50A. A súa baixada durou 2:56.38 e compartiu podio con Ricardo Escudero (Poio Bike), que se levou o bronce cunha marca de 3:06.27. A recompensa do metal tamén a recibiu Jose Montenegro (Moto Bike), terceiro nos 40B -2:54.46-. 

imagen

Máis información e clasificacións

Ángel Suárez, subcampión de España de Descenso en La Pinilla
 
Logo secundario CICLISMO GALEGO FEDERACION

CICLISMO GALEGO FEDERACION

Rúa Fotógrafo Luis Ksado nº 17 36209 | Vigo (Pontevedra)
986224158