Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Alejandra Neira cólgase o ouro júnior no Campionato de España de Contra o Reloxo

272025

A corredora santiaguesa da Selección de Galicia impúxose na cronoescalada de Sierra Nevada por diante da subcampioa mundial Paula Ostiz

Alejandra-Neira-colgase-o-ouro-junior-no-Campionato-de-Espana-de-Contra-o-Reloxo

Por terceiro ano consecutivo, Alejandra Neira subiu ao podio no Campionato de España de Contra o Reloxo Individual (CRI). Subcampioa cadete no 2023 e campioa na mesma categoría hai doce meses, a santiaguesa fixo saltar a banca este venres na cronoescalada disputada en Sierra Navarra. Lucindo as cores da Selección de Galicia, colgouse a medalla de ouro júnior en Granada tras asinar un rexistro inalcanzable para a actual subcampioa do mundo, a navarra Paula Ostiz.

“Pensaba que Paula era a gran favorita”, recoñeceu Alejandra Neira unha vez que deu a badalada. A corredora compostelá, no seu primeiro ano no pelotón júnior, completou o percorrido de 8 quilómetros entre o Jardín Botánico e o aparcamento de Los Peñones en 22 minutos e 45 segundos. A velocidade media da ciclista dirixida dende o coche polo seleccionador Jacobo Ucha foi de 21,1 km/h, un ritmo que lle permitiu bater por 13 segundos a Paula Ostiz, compañeira de equipo da galega no Baqué Movistar Team. O terceiro chanzo do podio ocupouno Lidia Castro (Castilla y León), que se quedou a 29” da gañadora.

imagen

Despois de acadar os dous títulos en xogo -o de CRI e o de fondo- o ano pasado como cadete en Avilés, a representante da Selección de Breogán continúa co seu idilio co Campionato de España: “Estou supercontenta, non mo esperaba. Había corredoras moi fortes e é un orgullo para min. No coche íanme dicindo que estaba subindo moi rápido, íame atopando ben e pasando corredoras, o que me animaba aínda máis”.

Alejandra Neira tamén apuntou que “é unha experiencia nova porque nunca estivera en altura e nunca fixera unha cronoescalada. Sentinme ben e gustoume moito” e non se pon límites na carreira en liña deste sábado “imos a por todas, a ver que sae. Vai estar moi complicado, pero imos facelo o mellor posible”. No percorrido de 85 quilómetros, con saída e chegada en Granada, terá como compañeiras de Selección a partir das 8:30 horas a Inés Santalla e Irene Signo.

imagen

En canto á ‘crono’ júnior masculina, Diego López conseguiu meterse entre os dez primeiros ao clasificarse décimo, a 1 minuto e 51 segundos do vencedor Benjamín Noval (Asturias). A actuación de Galicia nesta categoría completouna Daniel Vieito no 26º posto. Os dous ciclistas de Santiago de Compostela volverán  a escena este sábado na carreira en liña, prevista para as  11:30 horas, compartindo equipo con Rodrigo García, Xián Alvariño, Anxo Delgado, Mario Bouza, Diego Souto e Unai Fernández.

O terceiro ‘top-10’ do combinado da Federación Ciclismo Galego na apertura do Campionato de España 2025 asinouno o sub-23 Tomás Pombo. O carballés, sétimo mellor tempo no punto intermedio, finalizou noveno a cronoescalada de 14 quilómetros dominada por Adrián Fajardo (Castilla-La Mancha). A proba de fondo para os sub-23 celébrase este sábado dende as 16:30 h nun trazado de 144 km con 2.670 metros de desnivel positivo acumulados. Martín Rey, bronce no 2024, será a referencia do ‘sete’ galego composto por Iván Belmonte, Héctor García, Rubén Fandiño, David Pollán Miguel Pérez e o propio Tomás Pombo.

imagen

Clasificacións

Fotos do texto: RFEC

 

Alejandra Neira cólgase o ouro júnior no Campionato de España de Contra o Reloxo
Alejandra Neira cólgase o ouro júnior no Campionato de España de Contra o Reloxo
Alejandra Neira cólgase o ouro júnior no Campionato de España de Contra o Reloxo
Alejandra Neira cólgase o ouro júnior no Campionato de España de Contra o Reloxo
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es