Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O ouro de Feijoo e a prata de Trabazo poñen o broche á histórica actuación galega no Campionato de España de Ciclocrós en Pontevedra

12 DE ENERO DE 2020

O ouro de Feijoo e a prata de Trabazo poñen o broche á histórica actuación galega no Campionato de España de Ciclocrós en Pontevedra

O-ouro-de-Feijoo-e-a-prata-de-Trabazo-ponen-o-broche-a-historica-actuacion-galega-no-Campionato-de-Espana-de-Ciclocros-en-Pontevedra

Dous ciclistas sub-23 elevaron este domingo a once a cifra total de medallas conquistadas polos corredores galegos no Campionato de España de Ciclocrós 2020 celebrado durante a fin de semana en Pontevedra. Iván Feijoo volveuse colgar o ouro, tal e como fixera doce meses antes no mesmo escenario, e Irene Trabazo subiu ao segundo chanzo do podio. Coa histórica colleita de metais autonómica e con récord de participantes, a Illa das Esculturas superouse a si mesma acollendo por segundo ano consecutivo a gran cita do ciclismo invernal.

A segunda e definitiva xornada do Campionato estaba reservada para os tres pratos fortes do evento. Antes de que o sol se instalara ao carón do río Lérez, Iván Feijoo disparou a temperatura nunha xélida mañá. Dende a primeira pedalada, o ourensán do Nesta tomou o mando da carreira sub-23. E xa non o soltou.

O defensor do título afirmara nos días previos que agardaba unha carreira táctica, pero non deu opción a que os seus rivais despregaran ningunha estratexia. Rodando en solitario, o de Allariz foi ampliando paulatinamente a súa vantaxe mentres por detrás sucedíanse as alternativas na loita pola prata e o bronce.

Carlos Canal, a outra opción galega de medalla, situouse á fronte dos perseguidores na segunda volta. A progresión do ourensán do Burgos-BH freouse por mor dunha caída no terceiro xiro. O de Xinzo de Limia viuse superado nun primeiro momento por Gonzalo Inguanzo (Teika) e Jofre Cullell (Catalunya), e posteriormente por Xabier Murias (Euskadi).

A exhibición de Feijoo durou 50 minutos e 57 segundos, un rexistro que lle permitiu gañar con 45” de marxe respecto a Inguanzo. Un segundo máis tarde finalizou Murias, pechando un podio do que se quedaron fóra Cullell e Canal, cuarto e quinto respectivamente. O vigués Adrián Barros, oitavo, foi o mellor representante do trío que presentou a Selección de Galicia. Ángel Maneiro terminou 21º e Óscar Fernández, 23º.

“Nas dúas últimas voltas decidín arriscar menos do normal para evitar problemas mecánicos”, sinalou o vencedor, que xa pensa nos seus próximos retos: “Sabía que viña moi ben de forma e hoxe tiven boas sensación dende que me subín ao rodillo para quentar. Unha vez cumprido o obxectivo de seguir vestindo a camisola de campión de España, vou polas Copas do Mundo e o Mundial”.

Subcampioa local

 A undécima e definitiva medalla da representación local acadouna a sub-23 Irene Trabazo. Correndo a poucos quilómetros da súa casa, a de Marín desquitouse da decepción do ano anterior cando un problema mecánico afastouna do podio. Aínda que esta vez volveu sufrir un contratempo no inicio da proba, non deixou escapar a segunda praza na súa categoría e a sexta na táboa absoluta.

“Viña polo ouro e lévome a prata”, recoñeceu a corredora do XSM. Medio minuto separouna de Sofía Rodríguez (Valencia), a outra gran candidata á coroa sub-23. “Sabía que tiña que estar todo o rato con ela, se non ía ser complicado alcanzala. Primeiro tiven un contratempo e despois unha picada na segunda volta. Aínda así seguín para adiante, recorteille algo de tempo, pero non nos deu para alcanzala. A afección estivo a tope animando e as sensacións foron boas”, afirmou Trabazo.

O podio sub-23 completouno Paula Suárez (Euskadi). A Carla Fernández (Galicia) correspondeulle a sétima posición, con Zaida González (10ª) e Marta Vila (12ª) como as outras representantes da Selección autonómica na clasificación.

Máis ciclistas aliñou Galicia na categoría júnior e o mellor posto asinouno Noela Saa, sétima a 4:24 da gañadora Lucía Gómez (Baleares). Laura Capa (16ª), Aida González (17ª), Zaira Vila (21ª) e Aroa Mediavilla (22ª) tamén finalizaron a proba por parte da Selección.

A raíña feminina destes campionatos foi a elite Lucía González (Nesta). Segunda no 2019, a asturiana cumpriu os prognósticos e demostrou que actualmente é a mellor especialista estatal. Impúxose con 1:09 de vantaxe sobre a súa paisana e defensora do título Aida Nuño (Río Miera). O Principado rubricou un triplete nas elites co terceiro posto de Paula Díaz (Asturias).

Saúl López, sexto

Tampouco saltou a sorpresa na carreira Elite. O valenciano Felipe Orts (Telkia) proclamouse por segundo ano consecutivo campión de España. Nesta ocasión venceu con 34” de vantaxe. A emoción que faltou na pugna polo ouro hóuboa na batalla polas outras dúas prazas do caixón. O cántabro Kevin Suárez (Nesta) acabou alcanzando a prata por diante do ciclista profesional de estrada Gorka Izagirre (Astana).

Outro vibrante duelo decantouse a prol de Saúl López, co campión de Galicia outorgándolle unha notable sexta posición á súa selección. O monfortino superou nos metros finais ao biker David Valero (MMR), quen participará nos Xogos Olímpicos de Tokio. Daniel López, co maillot do combinado local, concluíu 14º.

Os elites puxeron o punto final a uns campionatos nos que a ‘armada galega’ superou a cifra de podios do 2019. As dúas medallas deste domingo deron continuidade  ás nove da xornada anterior. O balance foi de cinco ouros (Feijoo, a cadete Laura Mira, a máster-50A Isabel Castro, o máster-50B Marcial Rodríguez e a máster-40A Natalia Raña), tres pratas (Trabazo, a cadete Uxía Soto e o máster-30B Andrés Calvete) e tres bronces (o cadete Iván Fernández, a máster-30B Rocío Blanco e a máster-40B Sonia Costoya).

Carreira Inclusiva

Ao marxe do programa de competicións, a cita na Illa das Esculturas será recordada pola celebración da primeira edición da carreira inclusiva para deportistas con capacidades diferentes. A iniciativa resultou un éxito, reunindo a máis de medio cento de corredores. Borja Gómez, o rapaz que inspirou esta idea, capitaneou o pelotón da superación.

Pontevedra despediu os campionatos cunha cerimonia de podio na que estiveron presentes como autoridades Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da cidade; Anabel Gulías, concelleira de Promoción e Grandes Eventos; José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; Gregorio Agís, deputado provincial da Deputación de Pontevedra; Jose Ricardo Lima, concelleiro de Deportes de Melgaço; José Luis López Cerrón, presidente da Real Federación Española de Ciclismo; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo.

Clasificacións

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es