Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Selección de Galicia duplícase para disputar esta fin de semana os Campionatos de España de XCO e DHI

17 DE SEPTIEMBRE DE 2020

O combinado autonómico acode a Valladolid con dez especialistas no Cross Country Olímpico e con cinco riders a Otívar

A-Seleccion-de-Galicia-duplicase-para-disputar-esta-fin-de-semana-os-Campionatos-de-Espana-de-XCO-e-DHI

Galicia é a vixente campioa do Team Relay, unha proba que este ano non se celebrará. Foto: Yaiza Fernández

A pandemia da Covid-19 obrigou a adiar os Campionatos de España de XCO e DHI fixados inicialmente para o mes de xullo e ambas citas celebraranse esta fin de semana. A Selección de Galicia acudirá aos dous eventos e estará representada por un total de quince ciclistas. Despois de acadar dúas medallas o pasado domingo nos estatais de Enduro, o combinado autonómico de BTT buscará máis podios en Valladolid e en Otívar (Granada).

O programa de competición para os especialistas no Cross Country Olímpico arrancará o sábado no circuíto pucelano do Cerro de las Contiendas. Pola mañá terán lugar as probas máster e ao mediodía (14:15 horas) entrarán en acción os sub23 masculinos con Iván Feijoo (Nesta) lucindo as cores de Galicia. De poñer o peche a esta primeira xornada encargaranse os juniors, a partir das 15:50, unha carreira na que a Selección presentará un tridente formado por Gabriel Conde (Avanza), Anxo Carril (Coruxo) e Miguel Rodríguez (Ponteareas).

O domingo está reservado para os dous pratos fortes do campionato. Tres galegas, a elite Lara Lois (Extol) e as sub23 Irene Trabazo (XSM) e Andrea García (Maceda), defenderán os intereses do combinado autonómico dende as 10:30 na competición feminina, mentres que ás 12:15 poranse en marcha os elites masculinos con Saúl López (Maceda), Alberto Pedreira (Bici Verde) e Jorge Punzón (Cosmos) como integrantes do trío de Galicia. Nesta categoría un dos candidatos á vitoria é o ourensán Pablo Rodríguez (BH Templo).

O ano pasado a Selección fíxose con tres metais nos estatais de XCO. Un dos dous ouros que conseguiu chegara no Team Relay, a carreira de remudas por equipos que nesta ocasión non se disputará, ao igual que a especialidade do Eliminator.

O circuíto vallisoletano, escenario habitual de probas do Open de España, ten unha lonxitude de 5,2 quilómetros, un trazado que se caracteriza pola súa rapidez e espectacularidade. Todo o campionato poderá seguirse en directo a través  de LaLigaSportsTV.

Descenso

O outro punto de atención durante a fin de semana será a localidade granadina de Otívar. Alí poranse en xogo o domingo os títulos de BTT-DHI. A Federación Galega despraza ata terras andaluzas a un quinteto de riders coa xuventude como denominador común.

A expedición autonómica compóñena a júnior Uxía Álvarez (Coruxo), o júnior Senén Bastos (Avanza) e os sub23 Marco Martínez (Corbelo), Víctor Mariño (Xbikes) e Alejandro Paz (Bicis Oliveira). A última referencia para a Selección son as dúas medallas obtidas no 2019. A nivel individual, o vigués Ángel Suárez (YT Mob) é a principal baza galega na categoría elite. 

Despois dos adestramentos oficiais do sábado, a competición comezará na xornada dominical a partir das 10:00 horas coa quenda clasificatoria para decidir a orde de saída na final (12:00). Os participantes lanzaranse nunha baixa de 1.5 km de lonxitude, un percorrido técnico cun desnivel medio do -18,4%.

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es