Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O DOG deixa sen efecto a limitación de 25 participantes

18 DE SEPTIEMBRE DE 2020

Nova normalidade deportiva no deporte federado de competencia autonómica

O-DOG-deixa-sen-efecto-a-limitacion-de-25-participantes

Desde este venres entra en vigor a Orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 17 de setembro do 2020, mediate a cal a Consellería de Sanidade modifica determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño 2020. Grazas a esta actualización iníciase unha nova normalidade no deporte federado de competencia autonómica. Un dos puntos que se suprime é o referente á limitación de 25 participantes. 

No DOG 12 do xuño, no apartado 3.21 relativo á practica da actividade deportiva federada de competencia autonómica, establecíase unha limitación xenérica de 25 participantes. Esa norma xa non está en vigor e a modificación publicada no DOG expón o seguinte: 

1. A práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica poderá realizarse de forma individual ou colectiva, de conformidade cos protocolos de que deben dispoñer as federacións deportivas galegas, segundo o modelo do Protocolo Fisicovid-DxTgalego polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 no ámbito do deporte federado de Galicia, aprobado pola Resolución da Secretaría Xeral para o Deporte do 15 de xuño de 2020, os cales deberán ser aprobados mediante resolución da Secretaría Xeral para o Deporte. Nestes protocolos recolleranse as condicións para a realización de adestramentos e para a celebración de competicións, deberán identificarse as situacións potenciais de contaxio, atendendo ás vías recoñecidas polas autoridades sanitarias, e establecerse as medidas de tratamento de risco de contaxio adaptadas á casuística.

O dito protocolo será de obrigada observancia para o conxunto dos estamentos federativos e deberá publicarse na páxina web da federación deportiva.

No caso de realizarse a actividade en instalacións deportivas, a práctica axustarase ademais aos termos establecidos para estas.

2. Sempre que sexa posible, durante a práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica deberá manterse a distancia de seguridade interpersoal. Na realización de adestramentos e na celebración de competicións dentro da actividade deportiva federada de competencia autonómica, aplicarase, respecto ao uso da máscara, o recollido especificamente no protocolo das federacións deportivas respectivas aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte. En todo caso, no dito protocolo deberá preverse que cando a actividade deportiva supoña contacto físico entre as persoas que a practican deberá utilizarse a máscara, salvo que no protocolo respectivo se inclúan medidas alternativas de protección específicas.

A Federación Galega de Ciclismo (FGC) comezará a traballar de contado na terceira versión do seu Protocolo de Actuación fronte á COVID-19 para actualizalo conforme á nova normativa autonómica. 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es