Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Lara Lois e Pablo Rodríguez elevan a catro o botín de bronces galegos en Valladolid

20 DE SEPTIEMBRE DE 2020

A grovense da Selección de Galicia e o macedao do BH Templo remataron terceiros nas carreiras Elite do Campionato de España de XCO

Lara-Lois-e-Pablo-Rodriguez-elevan-a-catro-o-botin-de-bronces-galegos-en-Valladolid

Póker de medallas de bronce para a representación galega no Campionato de España de XCO que durante a fin de semana se disputou en Valladolid. A grovense Lara Lois (Selección de Galicia) e o macedao Pablo Rodríguez (BH Templo) finalizaron terceiros este domingo nas carreiras da categoría Elite. Os seus podios sumáronse aos acadados a xornada anterior polo sub23 Iván Feijoo e o máster-30A Manuel Ángel Parada.

Especialista en probas de BTT Maratón, Lois espremeu a súa condición de fondista para colgarse o seu primeiro metal a nivel estatal nun campionato de Cross Country Olímpico. Lucindo as cores do combinado autonómico, a biker do Extol MTB soubo administrar as súas forzas no enlamado e esvaradizo circuíto do Cerro de las Contiendas. Comezou a última volta fóra do postos do caixón e acabou cruzando a liña de meta co mesmo tempo que a subcampioa.

A do Grove realizou unha boa saída e o primeiro dos cinco xiros ao trazado de 5,2 quilómetros de lonxitude completouno xunto a Claudia Galicia (Megamo). Por diante delas rodaba destacada en solitario Rocío García (BH Templo). Lois non puido manter o ritmo da súa acompañante na segunda volta e mantívose terceira ata que no penúltimo parcial foi atrapada por Noemí Moreno (Costa Daurada) e María Díaz (Armilla).

A progresión de Díaz continuou. Iniciou a última volta ao carón de Galicia, que sufrira unha avaría, e con 15 segundos de vantaxe sobre Lois. Porén, a pontevedresa non dixera a súa última palabra e no derradeiro parcial foi a única corredora que baixou dos 20 minutos, o que lle permitiu xogarse a prata nun cara a cara despois de que se descolgara Díaz. Entrando a 2:14 da gañadora García, a catalana Galicia impúxose no duelo pola segunda posición.

"Era imposible facer un esprint porque a recta de meta estaba chea de barro, a roda non traccionaba", explica Lois, feliz polo rendemento ofrecido en Valladolid: "Non contaba con estar tan preto de Claudia. Tiven calma para non cebarme nun circuíto moi duro. As subidas había que patealas e perdía bastante tempo intentando calar a zapatilla co barro atascado... aí si que me pasaban unha ou dúas, pero despois nas baixadas volvía collelas. Dáseme ben o ritmo final da última volta e sempre gaño uns segundos. Estou moi contenta polo meu primeiro podio estatal no XCO".

Nesta carreira feminina a ‘medalla de chocolate’ entre as sub23, que deron unha volta menos que as elites, correspondeu a Irene Trabazo. A marinense da Selección de Galicia terminou cuarta, a 2’ da terceira clasificada Estíbaliz Sagardoy (Navarra), mentres que a súa compañeira no combinado galego Andrea García ocupou a duodécima praza.

Regreso ao podio

Dous anos despois o ourensán Pablo Rodríguez volveu pisar o caixón elite no Campionato de España. O corredor de Maceda protagonizou un duelo a tres bandas na proba raíña masculina con David Valero (MMR) e Sergio Mantecón (Kross Racing). Unha batalla sobre o barro na que o galego do BH Templo tivo que conformarse co bronce.

Mantecón comezou mandando, pero Valero e Rodríguez tomaron o mando no segundo dos sete xiros ao Cerro de las Contiendas. As dúas últimas voltas resultaron do máis emocionante. O do Kross Racing chegou a alcanzar ao dúo de cabeza xusto antes de que o defensor do título cambiara o ritmo e abrira oco en solitario.

Ao toque de campá, Rodríguez ía segundo, pero Mantecón acabaría adiantándoo dentro dos últimos 5 quilómetros. O campionato resolveuse con Valero logrando o seu quinto ouro con 19” de marxe e avantaxando en pouco máis de 1’ ao macedao. Cuarto concluíu Ismael Esteban (Logos), quinto Kevin Suárez (Nesta) e sexto o medallista olímpico Carlos Coloma (BH Templo). En canto aos corredores da Selección de Galicia, o vixente campión autonómico Saúl López asinou a duodécima posición, Jorge Punzón a 44ª e Alberto Pedreira a 56ª.

Máis información e clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Lara Lois e Pablo Rodríguez elevan a catro o botín de bronces galegos en Valladolid
Lara Lois e Pablo Rodríguez elevan a catro o botín de bronces galegos en Valladolid
Lara Lois e Pablo Rodríguez elevan a catro o botín de bronces galegos en Valladolid
Lara Lois e Pablo Rodríguez elevan a catro o botín de bronces galegos en Valladolid
Lara Lois e Pablo Rodríguez elevan a catro o botín de bronces galegos en Valladolid
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es