Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Ángel Suárez rubrica o noveno mellor tempo na clasificatoria do Mundial

09 DE OCTUBRE DE 2020

A final do DHI dispútase o domingo. Este sábado (14:45) será a quenda de Pablo Rodríguez no XCO

angel-Suarez-rubrica-o-noveno-mellor-tempo-na-clasificatoria-do-Mundial

Espectacular presentación de Ángel Suárez no Mundial de BTT DHI e XCO que se está celebrando na localidade austríaca Leogang. O rider vigués marcou o noveno mellor rexistro na clasificatoria deste venres e accedeu á final elite do domingo. Antes, este sábado (14:45 horas), chegará a quenda de Pablo Rodríguez na proba elite de Cross Country Olímpico. 

"O meu obxectivo é estar entre os dez mellores", avisou na previa o vixente campión estatal de DHI e Suárez estivo á altura do advertido no seu primeiro descenso do Mundial. Detivo o cronómetro en 3 minutos e 56 segundos, meténdose no 'top-10' da clasificatoria e quedando a 11" do primeiro clasificado Loris Vergier (Francia).

Os 80 mellores rexistros accederon á final, un corte que superou de forma moi axustada o outro piloto da Selección Española, Álex Marín, que finalizou 74º. As medallas poranse en xogo o domingo a unha soa baixada. O primeiro finalista elite tomará a saída ás 14:10. 

XCO

O sábado desta fin de semana mundialista está reservado para o Cross Country Olímpico. O macedao Pablo Rodríguez formará xunto a David Valero, Carlos Coloma e Sergio Mantecón o cuarteto español na carreira elite masculina. 

Coa choiva facendo acto de presenza durante toda a semana, os 3,4 quilómetros de distancia do circuíto de Leogang e os seus 220 metros de desnivel acumulado positivo por volta resultarán aínda máis duros, dado o embarrado e esvaradío de boa parte dun percorrido con longas subidas, pasos técnicos e estreitos, pero que tamén contará con zonas anchas onde é máis factible que se produzan adiantamentos.

"É un circuíto un pouco atípico para o que estamos acostumados últimamente", apunta Rodríguez, que asegura estar "moi confiado". O ourensán chega ao Mundial despois de rematar 25º e 28º nas dúas probas da Copa do Mundo que tiveron lugar a pasada semana en Nove Mesto (República Checa).

GALERÍA DE FOTOS

Ángel Suárez rubrica o noveno mellor tempo na clasificatoria do Mundial
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es