Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Nunca te esqueceremos Ernesto Falcón

27 DE DICIEMBRE DE 2021

Faleceu o histórico presidente do Club Ciclista Cambados

Nunca-te-esqueceremos-Ernesto-Falcon

Durísimo golpe para o ciclismo galego. Ernesto Falcón, quen foi presidente do Club Ciclista Cambados, faleceu nas últimas horas. Váisenos unha figura inigualable, motor do noso deporte na comarca do Salnés. 

Ademais de ter liderado o club da súa vila, Falcón exerceu de vicepresidente da Federación Ciclismo Galego durante 16 anos, ocupou o posto de tesoureiro e foi asembleísta da Real Federación Española de Ciclismo.

Máis ala dos seus cargos, era unha persoa que levaba o ciclismo nas veas. Todo carácter, todo corazón, nos últimos anos centrouse na organización do Gran Premio do Albariño e, sobre todo, da Ruta do Albariño. Esta última carreira converteuna nunha referencia para ciclistas juniors e sub-20. A súa dedicación a esta proba tiña unha motivación especial: honrar a figura do seu amigo Modesto Sánchez Alba 'Teto'. 

Ao ciclismo galego non hai que dicirlle quen era Falcón. Álvaro Pino, José Teixeira ou Gustavo César Veloso poden explicalo mellor que ninguén. É unha perda irreparable e dende a Federación Ciclismo Galego non podemos máis que intentar dar continuidade a todo o que nos ensinou e transmitirlle o noso máis profundo pésame aos seus familiares e amigos. 

O seu corpo descansa no Tanatorio do Salnés, na sala número 2, e será enterrado este martes ás 16:30 horas.

Ata sempre Ernesto e infinitas grazas por todo. 

Descanse en Paz 

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es