Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Selección de Galicia non puido ofrecer a súa mellor versión no Campionato de España XCM

12 DE SEPTIEMBRE DE 2022

Susana Alonso, oitava Elite, asinou o posto máis sobranceiro do combinado autonómico no Desafío Dama Roja

A-Seleccion-de-Galicia-non-puido-ofrecer-a-sua-mellor-version-no-Campionato-de-Espana-XCM

Os 65 quilómetros, con máis e 2.500 metros de desnivel positivo acumulado, do Desafío Dama Roja atragoáronselle este domingo á Selección de Galicia no evento que exerceu de Campionato de España de Cross Country Maratón (XCM). O embotellamento provocado por unha caída no treito inicial e as avarías mecánicas lastraron ao combinado autonómico no percorrido polo val cántabro do Aslón. Ana María González (Mitto X-Sauce) conseguiu na categoría Máster-40B o único podio galego da xornada.

O municipio de Ramales de la Victoria colleu o testemuño de Lalín como sede do estatal de XCM cun trazado moi técnico, con fortes subidas e baixadas. A Selección de Breogán presentou a oito bikers na liña de saída e a carreira comezou a torcérselle dende o principio. Os elites Brandán Márquez e Javi Busto viron como as súas opcións de pugnar polos postos de honra reducíronse notablemente por mor do atasco que causou unha caída nos primeiros quilómetros. Os dous quedaron cortados e o seu posterior intento de remonta acabou pasándolles factura debido á calor (37 graos) e a dureza do terreo. 

Cun tempo de 4:07:50, Márquez foi o primeiro galego que cruzou a liña de meta, ocupando a 30ª posición na táboa Elite. O seu compañeiro de selección Alberto Alanís rematou 37º na mesma categoría logo de ir de menos a máis, Busto clasificouse 59º e unha avaría na pinza obrigou a abandonar ao tamén elite Diego Álvarez. 

En canto aos Sub23 que luciron as cores de Galicia, tanto Diego Marnotes como Nacho Casal, 23º e 25º respectivamente no seu grupo de idade, asinaron unha boa actuación na súa primeira experiencia coa Selección nun Campionato de España. Ás portas do top-10 nesta categoría quedou Ángel Maneiro, competindo co maillot do Vigo-Rías Baixas, ao finalizar undécimo.

Outros corredores galegos que completaron o percorrido representando os seus clubs foron Rubén Quintáns (Fundefrenos), 43º Elite; Manuel Casuso (Xesteiras), décimo Máster-30 B; Jorge Lorenzo (Tres Lunas), 16º Máster-40A; Antonio Barcia (Debra), 34º Máster-40A; Ernesto Lois (Bela Otero), 36º Máster-40A; Blas Lamas (Cambre), 37º Máster-40A; Pablo Portas (Armenteira), 39º Máster-40A; Rafael Castro (Atlético Aguzo), 15º Máster-40B; Javier Pombo (Ribadumia), noveno Máster-50B; e Constantino Arias (Tres Lunas), sexto Máster-60A. 

Lara Lois, cuarta

A nosa comunidade foi a que máis bikers clasificou na categoría Elite feminina. Entre as catro galegas que alcanzaron a liña de meta competindo na categoría raíña o mellor resultado obtívoo Lara Lois (Moto Bike), cuarta cun rexistro de 5:09:17, a 14 minutos do podio.

A oitava praza ocupouna Susana Alonso penalizada por unha avaría e unha picada na roda traseira que reparou no primeiro avituallamento. Este contratempo fíxolle perder posicións nun circuíto no que adiantar non resultaba nada doado e a mosense tívose que conformar con acadar o posto máis sobranceiro da Selección de Galicia nesta xornada. A súa compañeira no combinado autonómico Eva Ortega, co seu ritmo constante, fixo duodécima e Desiree Fernández (Ribadumia) concluíu 17ª.

A quinta galega que superou o Desafío Dama Roja subiu ao podio. A porriñesa Ana María González colgouse a medalla de prata máster-40B, recompensa a súa tenacidade: pedaleou durante 7 horas 6 minutos e 4 segundos e foi a última finisher que chegou a meta. A fondista do Mitto X-Sauce terminou a case 27 minutos da gañadora da súa categoría, a madrileña Angélica García (Uves Bikes).

Máis información e clasificación

 

 

GALERÍA DE FOTOS

A Selección de Galicia non puido ofrecer a súa mellor versión no Campionato de España XCM
A Selección de Galicia non puido ofrecer a súa mellor versión no Campionato de España XCM
A Selección de Galicia non puido ofrecer a súa mellor versión no Campionato de España XCM
A Selección de Galicia non puido ofrecer a súa mellor versión no Campionato de España XCM
A Selección de Galicia non puido ofrecer a súa mellor versión no Campionato de España XCM
A Selección de Galicia non puido ofrecer a súa mellor versión no Campionato de España XCM
A Selección de Galicia non puido ofrecer a súa mellor versión no Campionato de España XCM
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es