Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Open de España de XC Maratón: Susana Alonso asina o seu primeiro podio do ano no Gigante Small

04 DE MAYO DE 2021

A corredora do Extol conquistou a terceira posición na proba castellonense e ascende á segunda praza da xeral elite

Open-de-Espana-de-XC-Maraton-Susana-Alonso-asina-o-seu-primeiro-podio-do-ano-no-Gigante-Small

Os éxitos do BTT galego feminino non se limitaron a pasada fin de semana ao XCO. No Open de España de XC Maratón unha representante autonómica tamén pisou o podio: Susana Alonso (Extol) conquistou a terceira posición elite no Gigante Small e grazas aos puntos sumados no desafío celebrado na provincia de Castellón ascende á segunda praza no ranking da súa categoría.

Tres semanas despois de terminar oitava na proba inaugural do Open en Cambrils, a biker mosense obtivo o cuarto posto absoluto e subiu ao caixón por primeira vez esta temporada. Os 115 quilómetros, con 3.700 metros de desnivel positivo acumulado, percorreunos en 8 horas, 13 minutos e 45 segundos. Alonso cruzou a liña de meta a 33:39 da vencedora Arantxa Salvado (Gobik), a 17:50 da segunda clasificada Marta Torá (Open Natura) e a 10 minutos da vencedora máster-30 Ariadna Roenas (Kenza Lap). A sexta praza elite correspondeu á galega Mar Delgado (Monteneme). 

O resultado asinado pola corredora de Mos no segundo evento do certame estatal sitúaa segunda na táboa elite con 267 puntos, a 133 da líder Salvado, a mesma biker que domina a xeral absoluta na que Alonso tamén ascende cinco posicións e colócase terceira. 

Nun percorrido endurecido pola lama e a auga caída nos días previos á proba e na parte final da carreira, o Extol MTB Team colleitou outro top-10 con Miguel Ángel Arias, quinto nos máster-40, mentres que Javi Busto concluíu 13º nos elites.

O sub-23 da formación dezana Abel Franco tivo que abandonar por mor dunha avaría, un infortunio similar ao que sufriu Manuel Casuso (Xesteiras). Un problema mecánico obrigou a botar pé a terra ao máster-30 do equipo de Cuntis despois de ser o primeiro corredor da súa categoría en coroar o último porto. 

O Open de España de XC Maratón vivirá o seu seguinte capítulo o 30 de maio coa disputa do IX Maratón Templario en Jerez de los Caballeros (Badajoz).

Máis información

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es