Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Open de España XCO: Lois e Filgueiras brillan en Sabiñánigo

03 DE MAYO DE 2021

A biker do Extol rematou segunda nas elites e a do Caimanes Betanzos asalta o primeiro posto do ranking cadete tras vencer no circuíto oscense

Open-de-Espana-XCO-Lois-e-Filgueiras-brillan-en-Sabinanigo

A segunda cita do Open de España de XCO Cofidis tivo protagonismo feminino para os intereses galegos. Lara Lois (Extol), segunda nas elites, e María Filgueiras (Caimanes Betanzos), gañadora e nova líder cadete, brillaron en Sabiñánigo, onde o noso Cross Country Olímpico asinou outros sete postos de top-10.

No circuíto do Pirineo Aragonés que será o escenario do Campionato de España desta especialidade no mes de xullo, Lara Lois quedouse a medio minuto da vitoria. A proba raíña feminina presumíase, a priori, como un posible duelo entre a grovense do Extol e a tamén elite Meritxell Figueras (MMR), sempre coa incógnita de canto podería pagar a catalana o esforzo de ter competido o día anterior na Copa Catalana. As dúbidas resolvéronse pronto: a ciclista do MMR tomou o mando da carreira dende os compases iniciais e forzou un primeiro corte no que tamén entraron a súa compañeira de equipo Lucía Macho, Estíbaliz Sagardoy (Saltoki) e Lois.  

Logo de dúas voltas completas ao trazado oscense, a confianza de Figueras foi a máis e comezou a aumentar a renda con respecto ás súas rivais entre as que se destacou Áurea Ruiz tras unha gran remonta. Lois non permitiu que a corredora do Kross Team abrira oco e soubo buscar o seu ritmo, indo de menos a máis, atrapándoa antes do último xiro e marchándose en solitario para facerse coa segunda posición. Figueras cruzou a liña de meta 30 segundos antes que a grovense, anotándose un triunfo que lle outorga o primeiro posto na xeral elite do Open. 

Vitoria e liderado

A camisola de líder tamén cambiou de propietaria na categoria cadete e agora pertence a unha galega. María Filgueiras (Caimanes Betanzos) chegaba como segunda clasificada a Sabiñánigo, onde ofreceu un recital. A primeira das tres voltas xa a completou con 14" de vantaxe sobre a súa perseguidora Carla Pérez (José Sabater) e nos dous xiros restantes non fixo máis que disparar a diferenza ao seu favor.

Filgueiras venceu con case 2 minutos de marxe. O cuarto posto correspondeu a Uxía Soto, a mellor clasificada do tridente do Avanza. O equipo do Porriño tamén meteu entre as dez primeiras a Aroa Otero, quinta, e a Marta Estévez, décima. 

Outro top-10 do Avanza chegou nos cadetes, con André Martínez concluíndo sexto e sendo o mellor galego por diante de Tomás Pombo (Cambre), décimo, e Danny Buba (Coruxo), undécimo. A colleita de postos de honra dos nosos representantes completárona os masters do Xesteiras: o máster-30 Manuel Ángel Parada xogouse o podio ao esprint e tivo que conformarse coa cuarta praza, mentres que o máster-40 Iván Pereira fixo noveno. 

A próxima proba do Open de España de XCO será en Candeleda (Ávila) o 6 de xuño. 

Máis información e clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Open de España XCO: Lois e Filgueiras brillan en Sabiñánigo
Open de España XCO: Lois e Filgueiras brillan en Sabiñánigo
Open de España XCO: Lois e Filgueiras brillan en Sabiñánigo
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es