Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Open de España BTT Maratón: Oito podios galegos, cinco deles do Extol, na Power Race Astorga

21 DE JUNIO DE 2021

Vitorias do sub23 Abel Franco, o máster-30 Esteban Sánchez e o máster-60 Constantino Arias. Susana Alonso, Teresa Barreira, Miguel Arias, Eva Ortega e Fernando Lamas tamén subiron ao caixón.

Open-de-Espana-BTT-Maraton-Oito-podios-galegos-cinco-deles-do-Extol-na-Power-Race-Astorga

Ampla colleita de podios da representación galega, e en especial do Extol MTB Team, na Power Race Astorga, cuarta proba do Open de España de BTT Maratón. Ás dúas vitorias, dous segundos postos e un terceiro asinado polo conxunto do Deza na provincia de León engadíronse o triunfo nos máster-60 de Constantino Arias (Tres Lunas Valedeorras)e as terceiras posicións en máster-30 de Eva Aguilar (Biciosos) e Fernando Lamas (Xesteiras). O frío, o vento e un terreo enlamado aumentaron a dificultade dos 111 quilómetros, con 2.500 metros de desnivel positivo acumulado, do desafío maragato. 

Na proba feminina só a líder do Open superou ao tándem do Extol. A catalana Arantxa Salvado (Gobik) venceu cun tempo de 5:45:24, cruzando a liña de meta 2 minutos e uns poucos segundos antes que Susana Alonso e Teresa Barreira, que chegaron xuntas. Con este resultado a mosense ascende á segunda praza da xeral, a 333 puntos da primeira clasificada. 

O oitavo posto scratch feminino conseguiuno Eva Ortega (Biciosos), terceira na táboa máster-30, e prazas de Top-10 nas súas categorías tamén obtiveron Mar Delgado (Monteneme), sétima nas elites, e Sofía da Silva (Mosqueteiros), quinta nas máster-30.

Tres triunfos

O Extol presentábase neste maratón cun dos seus corredores lucindo o maillot de líder e malia que Miguel Ángel Arias foi o primeiro galego que completou o percorrido non puido manterse no máis alto da xeral máster-40. A igualdade marcou o duelo entre o biker do conxunto dezano e Juan Pedro Trujillo (Conway). O andaluz impúxose con 24 segundos de marxe e recupera o primeiro posto por 10 puntos de diferenza. 

Arias, undécimo na clasificación scratch cun tempo de 4:51:18, encabezou a lista de bikers autonómicos que concluíron entre os 30 primeiros. Alberto Alanis (Burgas Bike), 14º na clasificación absoluta e 10º na elite; Abel Franco (Extol), 15º e gañador sub23; Javier Busto, 17º e 13º elite; Esteban Sánchez, 26º e vencedor máster-30; e Fernando Lamas (Xesteiras) 30º e 3º máster-30. 

O terceiro triunfo galego rubricouno Constantino Arias nos máster-60, grupo de idade no que Joaquín González (Miñor Bike) terminou oitavo. A nómina de posicións Top-10 complétase con Sergio Mariño (Sanomedio) nos máster-30.

O Open de España de Maratón tómase un descanso ata o 25 de xullo, cando se disputará o IX Maratón Templario en Jerez de los Caballeros (Badajoz) quinta e antepenúltima carreira deste certame. 

 

Máis información e clasificacións 

GALERÍA DE FOTOS

Open de España BTT Maratón: Oito podios galegos, cinco deles do Extol, na Power Race Astorga
Open de España BTT Maratón: Oito podios galegos, cinco deles do Extol, na Power Race Astorga
Open de España BTT Maratón: Oito podios galegos, cinco deles do Extol, na Power Race Astorga
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es