Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Susana Alonso anótase o Maratón BTT Sierra de Cazorla

06 DE SEPTIEMBRE DE 2021

Miguel Ángel Arias recupera a camisola de líder máster-40 do Open de España XCM

Susana-Alonso-anotase-o-Maraton-BTT-Sierra-de-Cazorla

Unha semana despois de subir ao podio do Campionato de España-Lalín Bike Race-Xacobeo 2021, Susana Alonso volveu pisar o caixón, pero esta vez para situarse no chanzo máis alto. A elite mosense do Extol MTB Team impúxose este domingo no XI Maratón BTT Sierra de Cazorla, sexta e penúltima cita do Open de España de XCM, e o seu compañeiro de equipo Miguel Ángel Arias recuperou a camisola de líder do certame estatal grazas ao seu terceiro posto na provincia de Jaén. 

Nun percorrido de 80 kilómetros, cun acumulado de 2.680 metros de desnivel e no que sobresaían sete ascensións, Susana Alonso non acusou o desgaste da fin de semana anterior. Terceira clasificada no Campionato de España, desta vez a de Mos dominou a carreira por diante da líder na táboa absoluta do Open de España XCM. Cun tempo de 4:29:59, a biker do Extol cruzou a liña de meta 15 minutos e 33 segundos antes de que o fixera Arantxa Salvado (Gobik Factory). A terceira posición correspondeu á máster-30 Ariadna Rodenas (Kenza Sport), mentres que a galega Mar Delgado (Monteneme) clasificouse cuarta entre as elites. 

Este resultado non altera a orde nos rankings femininos. Susana Alonso continuá segunda na táboa elite e terceira na absoluta. 

Oportunidade aproveitada

O abandono en terras xienenses do líder máster-40 Juan Pedro Trujillo (Conway) aproveitouno Miguel Ángel Arias para recuperar o maillot que cedera na cuarta cita do Open. Había 35 puntos de diferenza na xeral a prol do andaluz e agora o fondista do Extol conta cunha renda de 120 puntos para afrontar o vindeiro domingo a Épica Las Navas-Ruta de los Miradores, última cita deste certame. 

Arias, subcampión do seu grupo de idade na Lalín Bike Race, exhibiu a súa regularidade nas montañas da Sierra de Cazorla e malia sufrir dúas picadas e unha forte caída asinou o seu cuarto podio consecutivo no Open de España. O máster-40 do Extol, cun rexistro de 4:01:27, rematou a 9:26 do vencedor Alfredo Padilla (Crossbiker-Pina Team) e a 7:30 de Iñaki Villalain (Basauri Bikes). Un paso de xigante por parte do galego para adxudicarse o título a vindeira fin de semana na provincia de Ávila. 

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Susana Alonso anótase o Maratón BTT Sierra de Cazorla
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es