Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Open de España XCM pechouse con vitoria de Lois en Las Navas e título máster-40 para Arias

13 DE SEPTIEMBRE DE 2021

Mar Delgado tamén subiu ao podio como terceira elite na proba abulense

O-Extol-pecha-o-Open-de-Espana-XCM-con-vitoria-de-Lois-en-Las-Navas-e-titulo-master-40-para-Arias

As últimas semanas do verán están resultando tan intensas como exitosas para o Extol MTB Team. Quince días despois de organizar o Campionato de España de XCM na Lalín Bike Race-Xacobeo 2021 e ao domingo seguinte de vencer na Sierra de Cazorla con Susana Alonso, a formación do Deza celebrou unha vitoria parcial e un título na despedida do Open de España de Cross Country Maratón. A elite Lara Lois venceu na categoría absoluta feminina da Épica Las Navas e Miguel Ángel Arias conquistou a xeral máster-40 do certame estatal. 

O sétimo e derradeiro desafío do Open tivo como escenario un percorrido de 101 quilómetros, cun desnivel positivo acumulado de 2.600 metros, pola provincia de Ávila. Un trazado cheo de sendeiros e de treitos single track. Na liña de saída o Extol presentou a dúas medallistas elite no pasado Campionato de España e un accidente impediu que volveran compartir podio. 

A mosense Susana Alonso sufriu unha dura caída no km 16 pola que recibiu sete puntos de sutura. Coa súa compañeira fóra de combate, Lara Lois encargouse de sumar a segunda vitoria consecutiva das elites do Extol. A do Grove alcanzou a liña de meta cun tempo 5 horas 32 minutos e 23 segundos, con case 4' de vantaxe respecto á segunda clasificada Marta Tora (Open Natura). Terceira entre as elites, e cuarta na táboa absoluta, finalizou Mar Delgado, detendo o seu reloxo en 6:08:23. 

A xeral definitiva do Open reúne a tres galegas no Top-5 elite. Susana Alonso ocupou a segunda praza con 797 puntos, a 328 da gañadora absoluta deste ano Arantxa Salvado (Gobik), Mar Delgado concluíu cuarta (682 puntos) e Lara Lois, quinta (355).

Premio á regularidade

Miguel Ángel Arias tiña na súa man o título máster-40 e o biker do Extol non fallou á hora de certificalo. Aos 120 puntos de colchón cos que iniciaba este Maratón engadiulle a súa regularidade. O de Outeiro de Rei foi quinto en Las Navas del Marqués, resultado máis que suficiente para recibir a camisola rojigualda na clausura do Open. 

Con 1048 puntos na súa conta particular, despois de ter sumado como mínimo 100 en cada unha das citas do Open, o lucense dominou o ranking máster-40 con 113 puntos máis que os acadados polo madrileño Alfredo Padilla (Cross Biker). Terceiro terminou o vasco Iñaki Villalain (Basauri Bikes).

Nas táboas definitivas do Open, o Extol tamén asinou unha praza de podio co sub23 Abel Franco. O verinés non participou na última xornada, pero conservou o terceiro posto. 

Clasificacións da Épica Las Navas 

Máis información do Open

 

GALERÍA DE FOTOS

O Open de España XCM pechouse con vitoria de Lois en Las Navas e título máster-40 para Arias
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es