Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Ángel Maneiro fai valer o factor campo na 3 Horas BTT de Noia

23 DE ENERO DE 2023

Desiree Fernández repetiu vitoria entre as mulleres na segunda xornada da Copa Galicia 3H Resistencia. Fabián Rodríguez-Samuel Varela e Rebeca Muñoz-Yago Fernández, parellas gañadoras

angel-Maneiro-fai-valer-o-factor-campo-na-3-Horas-BTT-de-Noia

Fotos: Luz Iglesias

A localidade que o ano pasado acolleu o Campionato autonómico, exerceu este domingo de anfitrioa na Copa Galicia 3H Resistencia. Noia volveu recibir ao pelotón da especialidade invernal do BTT e un veciño desta vila coruñesa marcou o mellor rexistro absoluto da xornada. O sub23 Ángel Maneiro (Supermercados Froiz) completou once voltas en 2 horas 47 minutos e 28 segundos ao circuíto deseñado polo Club Peña Ciclista Toxo. 

A segunda cita do certame autonómico, que arrancou o domingo anterior en Narón, serviu para estrear percorrido. Se no 2022 a primeira edición do Campionato de Galicia se disputou no Polígono Industrial Agualevada, nesta ocasión os bikers rodaron polo trazado da Barquiña. Nunha mañá solleira brillou o sol e a organización do CPC Toxo, que reuniu a 264 bikers. Entre os participantes na 3 Horas BTT de Noia estivo o corredor profesional de estrada Samuel Blanco (AP Hotels & Resorts / Tavira).

Ángel Maneiro dominou a carreira en solitario dende o primeiro paso pola liña de meta. O noiés do Supermercados Froiz asinou a volta rápida da xornada (13'43") no parcial inicial e impúxose no global da proba por 47" de vantaxe respecto ao máster-30 Manuel Ángel Parada (Xesteiras), que repetiu o posto do domingo anterior. Outro corredor da formación de Cuntis, o líder máster-40 Iván Pereira, fixo terceiro.  

A cuarta posición absoluta acadouna o máster-30 David Fernández (Narón) e dous bikers máis conseguiron acumular once xiros ao circuíto: o sub23 Ignacio Casal (Extol), que pechou o top-5, e o máster-50 José Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras). No resto de categorías individuais masculinas anotáronse as vitorias Danny Buba (Coruxo) nos juniors, Cristóbal Dios (Estradense) nos elites e Jose Cartelle (Pulpeiros Mugardos) nos máster-60. 

Desiree Fernández repite

A competición feminina, ao igual que na apertura da Copa, volveu ter a Desiree Fernández como a corredora máis destacada. A elite do Ribadumia completou oito voltas, unha máis que á nova líder máster-30 Sofía da Silva (Extol). A terceira posición entre as mulleres correspondeu á máster-40 Rebeca Nieto (Vara e Pedal) con seis xiros á Barquiña, os mesmos que a máster-30 Raquel Vázquez (Esmelle) e a elite Laura Abal (Ribadumia), cuarta e quinta respectivamente. Nas juniors repetiu triunfo Sofía Ferreiro (Esmelle).

Os resultados de Noia sumados aos do domingo anterior en Narón deixan como líderes dos rankings individuais da Copa a Sofía Ferreiro e Danny Buba en juniors; a Ignacio Casal nos sub23, a Desiree Fernández e Cristobal Dios en elites, a Sofía da Silva e Manuel Ángel Parada en máster-30, a Rebeca Nieto e Iván Pereira en máster-40, a José Manuel Gómez Bestilleiro nos máster-50 e a Jose Cartelle nos máster-60. 

Parellas

O primeiro certame galego da temporada ofrece a posibilidade de participar por parellas. Neste formato de remudas tres dúos masculinos sumaron once voltas, sendo os máis rápidos Fabián Rodríguez e Samuel Varela (Cambre). Os líderes Antonio Mato e Jesús Martínez (Toxo) corrían na casa e quedáronse a 1'19" da vitoria, unha actuación que lles permite seguir á fronte da xeral. O outro chanzo do podio ocupárono Jorge Aguín (Corbelo)  e Ringo Deza (Moto Bike, que concluíron a 3'31" dos gañadores. 

A categoría mixta encabezárona, cun total de nove voltas, Rebeca Muñoz (Xesteiras) e Yago Fernández (Bici Verde) por diante de Iria Nieto e Ángel Vilanova, aos que superaron por 3'17. Jana Buba e Martin Buba (Coruxo), a parella que segue liderando a xeral, obtivo a terceira a praza a 9'06". En canto ás competicións cadetes, disputadas ao marxe da Copa Galicia, venceron Nicolás Fernández e Mauro Vega (Coruxo) nos rapaces, mentres que nos dúos mixtos fixeron o propio Sara Peón e Darío Buceta (Farto).

O peche ao evento púxose cunha entrega de premios na que Santiago Freire, alcalde Noia; Laura Salgado, concelleira de Deportes; Miguel Mato, presidente do CPC Toxo; e Óscar Sánchez, directivo da Federación Ciclismo Galego. 

A terceira das cinco xornadas que compoñen o calendario da Copa Galicia celebrarase o vindeiro domingo en Boiro. Toda a información sobre este certame podes atopala nas redes sociais a través do hashtag #CopaGaliciaRST23 e na súa sección dentro desta web

Clasificacións Noia

 

 

GALERÍA DE FOTOS

Ángel Maneiro fai valer o factor campo na 3 Horas BTT de Noia
Ángel Maneiro fai valer o factor campo na 3 Horas BTT de Noia
Ángel Maneiro fai valer o factor campo na 3 Horas BTT de Noia
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es