Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O G.D. Supermercados Froiz homenaxea na súa presentación a Guillermo Sande

16 DE ABRIL DE 2021

O conxunto alimenticio alcanza a súa 33ª temporada no pelotón elite-sub23

O-GD-Supermercados-Froiz-homenaxea-na-sua-presentacion-a-Guillermo-Sande-

Foto: Deporte Galego

O exterior do Pazo Provincial de Pontevedra acolleu este venres a presentación oficial da nova temporada do Grupo Deportivo Supermercados Froiz. O acto organizado polo conxunto alimenticio, que alcanza a súa 33ª campaña no pelotón elite-sub23, tamén serviu como homenaxe a Guillermo Sande. As súas irmás María del Mar e Nuria recibiron un recoñecemento público coa entrega de ramos de flores e un agasallo institucional por parte de Froiz e da Deputación.

José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, lembrou ao ex seleccionador galego de ciclismo, tristemente desaparecido o pasado mes de xaneiro, como “unha persoa que entendeu como ninguén o deporte base” e destacou tamén a importancia de instruír aos mozos e mozas con valores como os da igualdade e da inclusión, tal e como facía Guillermo.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recordou con emoción a Sande: "Hai xente inesquecible, que non se vai, que non di adeus porque constrúe sociedade" e diante das irmás do falecido seleccionador agradeceu a súa pegada na promoción do ciclismo feminino: "como muller e feminista fágolle un recoñecemento moi particular a alguén que tivo esa mirada".

Os corredores que dirixe Evaristo Portela tamén estiveron arroupados neste acto polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o tenente alcalde, Agustín Fernández; o alcalde de Poio, Luciano Sobral; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; o ciclista Óscar Pereiro e a responsable de Márketing do Grupo Froiz, Brígida Nieto, en representación de Magín Froiz, quen non puido participar nesta ocasión. Ademais, contouse con representantes do Subsector de Tráfico de Pontevedra en recoñecemento a súa colaboración.

Fonte: Pontevedra Viva, Deputación de Pontevedra e Deporte Galego

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es