Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Copa Galicia Estrada: Fandiño impide o pleno de vitorias do Cambre no Gran Premio Milagrosa

21 DE SEPTIEMBRE DE 2021

O club coruñés venceu na antepenúltima cita do certame autonómico coa cadete Lara Fuentes, o cadete Mauro Amor e a júnior Sofía Álvarez, mentres que o seu xuvenil Fabián Rodríguez fixo segundo ao esprint por detrás do corredor do Bathco

Copa-Galicia-Estrada-Fandino-impide-o-pleno-de-vitorias-do-Cambre-no-Gran-Premio-Milagrosa-

Fotos: Club Ciclista Milagrosa

A Copa Galicia de Estrada chegou a Lugo, onde despedirá o mes de setembro. A primeira das dúas citas consecutivas que acollerá a cidade amurallada celebrouse o pasado sábado na Avenida Infanta Elena. Nun circuíto idóneo para velocistas, o Gran Premio Milagrosa alcanzou a súa 57ª edición e estivo a piques de vivir un pleno de vitorias do Cambre-Caeiro nas categorías do certame autonómico. 

O póker da formación coruñesa impediuno Rubén Fandiño na carreira júnior. O cambadés do Bathco fixo valer a súa punta de velocidade nun grupo de 17 corredores, erguendo os brazos por diante de Fabián Rodríguez, que se quedou ás portas de poñer a guinda á actuación do Cambre no evento organizado polo Club Ciclista Milagrosa. Terceiro rematou Samuel Signo (Aluminios Cortizo) e o top-5 completárono Martín Rey (Emico-Erbi Bembibre), cuarto, e Javier López (Cambre), quinto. O líder da Copa, Sergio Lorenzo (Cidade de Lugo-Mybike), ocupou a duodécima praza. 

Con outra chegada masiva resolveuse a competición cadete masculina. O máis rápido nun pelotón de case 30 unidades foi Mauro Amor (Cambre), batendo a Gael García (Compostelano) e Lucas Aguiar (Vigués), segundo e terceiro respectivamente. O Cidade de Lugo tamén encabeza este ranking da Copa e o líder Alejandro Crende deu outro paso cara o título ao obter o sétimo posto. 

En canto ás categorías femininas do certame autonómico, as cadetes e as juniors puxéronse en marcha xuntas nunha carreira que se anotou por partida dobre o mesmo equipo, pero de dous xeitos diferentes. Houbo que agardar ata os metros finais para que Sofía Álvarez decantara ao seu favor o man a man coa líder Claudia García (Farto-BTC). A 13 segundos das dúas primeiras cruzou a liña de meta Carmen Mallo, sumando outro podio para o Cambre. 

Menos emoción houbo entre as cadetes. Lara Fuentes impúxose con medio minuto de marxe respecto ao dúo do Betanzos formado por Lucía Ballester e Andrea Prado. Ademais do trofeo de vencedora, a ciclista do Cambre tamén recibiu a camisola de líder da Copa durante a cerimonia de premiación.

O G.P. Milagrosa tivo como gañadores no resto de categorías a Pablo Vázquez (Vigués) nos sub21, a Alejandra Neira (Compostelano) e Diego López (Compostelano) en Infantís, a Vega Aldrey (Triatlon Coruña) e Nicolás Puga (Compostelano) en Alevíns, a Alba Ruiz (Betanzos) e Mateo González (Teis) en Principiantes, e a Iria Ruiz (Betanzos) e Saúl Agrasar (Barbanza) en Promesas. 

A Copa Galicia de Estrada repetirá o vindeiro sábado en Lugo coa disputa do XX Gran Premio Ciclista San Froilán, derradeira xornada da temporada na categoría júnior e penultima para cadetes. 

Clasificacións Milagrosa 

Copa Galicia 

 

GALERÍA DE FOTOS

Copa Galicia Estrada: Fandiño impide o pleno de vitorias do Cambre no Gran Premio Milagrosa
Copa Galicia Estrada: Fandiño impide o pleno de vitorias do Cambre no Gran Premio Milagrosa
Copa Galicia Estrada: Fandiño impide o pleno de vitorias do Cambre no Gran Premio Milagrosa
Copa Galicia Estrada: Fandiño impide o pleno de vitorias do Cambre no Gran Premio Milagrosa
Copa Galicia Estrada: Fandiño impide o pleno de vitorias do Cambre no Gran Premio Milagrosa
Copa Galicia Estrada: Fandiño impide o pleno de vitorias do Cambre no Gran Premio Milagrosa
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es