Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Lara Fuentes, Alejandro Crende e Laura Mira erguen os brazos na Copa Galicia de Luou

18 DE JULIO DE 2022

O cadete do Cidade de Lugo-Mybike asalta o liderado da súa categoría, mentres que a cadete do Cambre e a júnior Sonia Domínguez (Team Farto-BTC) continúan á fronte dos seus rankings

Lara-Fuentes-Alejandro-Crende-e-Laura-Mira-erguen-os-brazos-na-Copa-Galicia-de-Luou

O mes decisivo da Copa Galicia de cadetes e das juniors femininas comezou este domingo na localidade coruñesa de Teo. A 22ª edición do Trofeo Vila de Luou exerceu de segunda xornada do triplo certame que arrancara o 21 de maio en Carballo. Tras dar cinco voltas a un circuíto de 13 quilómetros, subiron ao máis alto do podio tres ciclistas que dúas semanas antes representaron á Selección de Galicia nos campionatos de España. 

O Alto do Loureiro era a principal dificultade montañosa dun percorrido no que a líder cadete Lara Fuentes (Cambre) conseguiu a súa segunda vitoria da temporada na Copa Galicia 2022. A defensora do título venceu cunha volta de vantaxe respecto a Lucía Ballester (Betanzos) e Xiana Camiña (Avanza-O Porriño), segunda e terceira, respectivamente. 

A carreira máis igualada da xornada foi a cadete masculina. Catro corredores se distanciaron do resto de participantes e xogáronse o triuinfo nos metros finais. A vitoria correspondeu a Alejandro Crende (Cidade de Lugo-Mybike), gañador da Copa no 2021, que cos puntos sumados en Luou asaltou o primeiro posto da xeral. A 3" do novo líder entrou Diego López (Cambre), a 7" Lois de Jesús (Teis) e a 13" Iker Rodríguez (O Rosal).

Tamén estreou a súa conta de éxitos no certame autonómico de estrada 2022 a júnior Laura Mira (Supermercados Froiz). A actual subcampioa de España de ciclocrós venceu en solitario e no podio estivo escoltada por Andrea Prado (Betanzos), que ocupou o segundo chanzo, e por Sonia Domínguez (Team Farto-BTC), que conserva a camisola de líder xuvenil. 

A Copa Galicia regresará o 30 de xullo en Boiro coa súa penúltima xornada e concluirá o 13 de agosto en Viveiro.

Escolas

A activididade no Trofeo de Luou non se limitou ás carreiras cadetes e júnior. Houbo competición para as escolas e o cadro de gañadoras e gañadores compuxérono Lucía González (O Rosal) e Saúl Agrasar (Barbanza) en Promesas; Alba Ruíz (Betanzos) e Zoe Abalo (Compostelano) en Principiantes; Antía Torres (Teis) e Aarón Rodríguez (Ponteareas) en Alevíns; e Alejandra Neira (Compostelano) e Anxo Delgado (Compostelano) en Infantís.

Clasificacións 

Sección da Copa Galicia

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es