Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Patiño, Guerra e Prado abren en Boiro as súas contas de vitorias na Copa Galicia de Estrada

31 DE JULIO DE 2022

A júnior do Betanzos sitúase como nova líder da xeral. Fuentes e Crende continúan á fronte dos rankings cadetes.

Patino-Guerra-e-Prado-abren-en-Boiro-as-suas-contas-de-vitorias-na-Copa-Galicia-de-Estrada

Enxalzando a figura do seu histórico presidente Ricardo Riveiro, o Club Ciclista Jealsa-Barbanza organizou este sábado o XXXIV Promoción de Ciclismo de Boiro. Esta cita reuniu a todas as categorías de base e exerceu de terceira e penúltima xornada da Copa Galicia Cadete e da Júnior feminina de Estrada. Ningún dos portadores das camisolas de líderes do certame autonómico conseguiu a vitoria nun percorrido de 51 quilómetros para os mozos e de 25 km para as mozas. 

A gañadora e o gañador cadete presentáronse xuntos na liña de meta. Lorena Patiño (Compostelano) e o portugués Samuel Guerra (Landeiro KTM) ergueron os brazos ao unísono. Tanto a marinense como o corredor luso estreábanse na Copa Galicia de Estrada e fixérono con triunfo.

O pelotón cadete masculino rematou 20 segundos despois con Tomás Pombo (Padronés-Cortizo) e Rodrigo Alonso (Llopis), segundo e terceiro respectivamente, apuntándose as dúas prazas do podio que quedaban por adxudicar. O líder Alejandro Crende (Cidade de Lugo-Mybike) entrou cuarto e mantén o maillot.

Nova líder

A camisola que cambiou de mans foi a júnior feminina. Andrea Prado (Betanzos) distanciouse en 20” de Sonia Domínguez (Team Farto-BTC) e logrou a súa primeira vitoria da temporada na Copa. As dúas empatan a 270 puntos no ranking da Copa, correspondendo o liderado á corredora da formación betanceira. O terceiro chanzo do caixón xuvenil en Boiro ocupouno Vania Gregores (Ponteareas).

A continuación de Sonia Domínguez, e a 1’17” de Patiño, terminou Lara Fuentes (Cambre Caeiro), segunda entre as cadetes e máis líder da xeral. Nesta categoría o terceiro posto decidiuse na recta final con con Xiana Camiña (Avanza-O Porriño) batendo a Lucía Ballester (Betanzos).

A Copa Galicia Cadete e Júnior feminina de Estrada resolverase o 13 de agosto en Viveiro coa disputa do 38º Gran Premio San Roque-Ourol.

Escolas

O palmarés do Gran Premio Ricardo Riveiro completouse coas competicións de escolas. Jimena Sandiás (Barbanza) e Álvaro Díaz (Tríatlon Coruña) venceron en Promesas, Estela Yáñez (Tríatlon Coruña) e Iker González (O Rosal) en Principiantes, Vega Aldrey (Tríatlon Coruña) e Aarón Rodríguez (Ponteareas) en Alevíns, e Alejandra Neira  e Anxo Delgado, ambos do Compostelano, en Infantís. 

Os premios encargarónse de entregalos o alcalde de Boiro, José Ramón Romero; a concelleira de Deportes, Dores Torrado; e Ricardo Riveiro. 

Clasificación

Sección da Copa 

GALERÍA DE FOTOS

Patiño, Guerra e Prado abren en Boiro as súas contas de vitorias na Copa Galicia de Estrada
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es