Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Gran Camiño desvela un percorrido espectacular

21 DE ENERO DE 2023

O Jumbo-Visma e o vixente campión do Tour, Jonas Vingengaard, estarán en Galicia, como o Team Movistar, o Astana, o Cofidis, o Eolo-Kometa e o Team Corratec

O-Gran-Camino-desvela-un-percorrido-espectacular

O Gran Camiño 2023 sairá ás estradas galegas entre o 23 e o 26 de febreiro, cunha etapa en cada unha das provincias, buscando destacar algúns dos puntos máis fermosos, singulares e desafiantes da nosa xeografía. E ata aí as similitudes coa primeira edición desta gran rolda, xa que os organizadores deseñaron para este ano un trazado completamente novo, cargado de puntos significativos, sorpresas, finais inéditos e espectáculo a mancheas. 

A intención do Gran Camiño, como o ano pasado, volverá ser mostrar a riqueza paisaxística, cultural e natural de Galicia a través dun deporte tan apegado ao territorio como é o ciclismo. Por iso, no seu percorrido haberá sitio para todo: paisaxes infinitas, montaña, liña de costa, cidades, rural, cultura, compromiso social, historia e etnografía, unha radiografía da propia diversidade da Comunidade e os 'camiños' que a sucan. 

Entre todos estes elementos, un será o que marque o inicio e o final da rolda: o rico patrimonio galego, recoñecido pola Unesco. Por iso, primeiros espadas do ciclismo profesional internacional sairán o 23 de febreiro desde a muralla romana mellor conservada e a única que continúa en pé de maneira íntegra, a de Lugo, e chegarán catro días despois á que é a 'praza de Europa', a Praza do Obradoiro, final de todos os Camiños a Compostela. 

DE LUGO AO ALTO DE SANTA TREGA 

A primeira das etapas, a do xoves 23 de febreiro, percorrerá a provincia de Lugo, con arranque sobre a propia muralla romana da capital e final en Sarria, punto emblemático de paso do Camiño Francés. Serán 191 quilómetros con 3.429 metros de desnivel acumulado e un roteiro polo sur da provincia que afrontará tres altos de terceira categoría: o Alto da Fontenla, A Cruz do Incio e o Alto de Montán. 

Ao día seguinte, será a quenda da provincia de Pontevedra, onde os ciclistas sairán da cidade histórica de Tui e chegarán, tras percorrer 189 quilómetros, ata A Guarda, cun último tramo cara a cara co Atlántico e final inédito no ciclismo profesional no Monte Santa Trega. 

O roteiro terá, así, inicio e final nas dúas entradas do Camiño Portugués a Galicia (pola costa e tradicional) e levará o espectáculo a dous portos de terceira categoría –San Esteban de Negros e Alto da Cruz de Portela-- e un de segunda, Santa Trega, ca súa espectacular vista da desembocadura do Miño e do Océano Atlántico. Ademas da carga paisaxística e a esixencia deportiva, os ciclistas afrontarán a subida final serpenteando entre as vivendas dos primeiros poboadores de Galicia, no que foi a orixe da civilización galega. 

A RAÍÑA, EN VALDEORRAS 

Xa o sábado 25, O Gran Camiño afrontará a súa etapa raíña, que volverá ser na provincia de Ourense. Unha xornada marcada pola montaña e o espectáculo que, nesta ocasión, renderá unha homenaxe á comarca de Valdeorras e aos pobos máis afectados polos incendios do último verán. 

Serán 170 quilómetros de pura montaña, con máis de 3.800 metros de desnivel acumulado, que pasarán polas aldeas que quedaron cercadas polas chamas para amosar ao mundo a lacra dos incendios así como a solidariedade do Gran Camiño e dos galegos cunha das zonas máis fermosas e con potencial ciclista, á vez que descoñecidas, de Galicia. 

Cun trazado especialmente duro, o espectáculo está garantido cun porto de terceira categoría, o Alto do Rodicio, un de segunda, o Alto da Hermida, e tres de primeira categoría encadeados: unha dobre subida ao Alto de Santa Mariña, no Barco, e o final no alto do Castelo, na Veiga de Cascallá (Rubiá). 

Para concluír, O Gran Camiño 2023 farao na provincia da Coruña, cunha crono individual entre a área empresarial de Novo Milladoiro, en Ames, e a compostelá Praza do Obradoiro. Os ciclistas escatimarán segundos ao reloxo en 18 quilómetros polos municipios de Ames, Teo –onde ascenderán o Alto de Montouto-- e Santiago, onde abrazarán a gloria, do mesmo xeito que os miles de peregrinos que chegan cada ano.

 

EQUIPOS DE PRIMEIRO NIVEL E O VIXENTE CAMPIÓN DO TOUR, EN GALICIA 

Na súa segunda edición, a gran rolda galega volverá traer o mellor do ciclismo internacional á Comunidade. Así, un dos equipos que este ano se estreará no Gran Camiño será o Jumbo-Visma, que finalizou a campaña 2022 como número 1 na clasificación da UCI (Unión Ciclista Internacional) e que tomará a saída en Galicia cunha grupeta capitaneada polo vixente campión do Tour de Francia, Jonas Vingegaard. 

A escuadra neerlandesa conta cun cadro de persoal de auténtico luxo xa que, ademais do danés, conta na súa filas con Primoz Roglic (gañador da Volta en tres ocasiones, ademais de París-Niza ou Dauphiné) ou Wout Van Aert (auténtica figura do ciclocrós mundial e cun currículo que inclúe tres etapas e camisola verde o último Tour, Amstel Gold Race, Milan-San Remo ou Strade Bianche) 

Ademais, tamén se estreará outro World Tour, o Astana Qazaqstan Team. Os kazaxos, con Andrey Lutsenko á fronte, acaban de incorporar a Mark Cavendish, gañador de 34 etapas no Tour de Francia e auténtica lenda deste deporte. 

Pola súa banda, repetirán tanto o Cofidis como o Team Movistar, que tentará revalidar o fantástico papel desempeñado na primeira edición do Gran Camiño, culminado co triunfo de Alejandro Valverde na xeral e na etapa raíña. 

Do mesmo xeito, O Gran Camiño ten xa confirmada a participación de dúas escuadras italianas, a do Eolo-Kometa, que repite na cita, e o Team Corratec, que se estrea. 

UNHA PROBA QUE UNE SENSIBILIDADES 

O Gran Camiño 2023, organizado pola empresa EME Sports, conta co apoio das catro deputacións provinciais galegas, así como coa aposta inestimable da Xunta de Galicia. Diferentes administracións públicas, e de distinta cor política, aliñáronse para apostar polo ciclismo e por unha proba que proxectará a imaxe de Galicia a todos os recunchos do planeta a través da retransmisión televisiva, a nivel internacional con Eurosport, e da súa repercusión. 

En canto a patrocinadores privados, O Gran Camiño incorpora a presenza de Aluminios Cortizo, primeiro fabricante da península ibérica e referente europeo no sector que, ademais, ten unha gran vinculación co ciclismo. O seu nome súmase ao doutros patrocinador da talla de Gadis ou Santander; Angel Leirós Yamaha e Apersa, que facilitan a mobilidade da proba; Portus Apostoli, Grúas Estación, Shimano, Klout ou Boar.

Fonte: O Gran Camiño 

GALERÍA DE FOTOS

O Gran Camiño desvela un percorrido espectacular
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es