Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Luis Arcega prolonga en Valencia o seu pleno de vitorias na Copa de España de Ciclismo Adaptado

06 DE OCTUBRE DE 2021

O seu compañeiro de equipo Iván Montero (ParaciclismoGalicia) clasificouse segundo en MH5, mesmo posto que acadou Damián Ramos (Norinver) en MC5.

Luis-Arcega-prolonga-en-Valencia-o-seu-pleno-de-vitorias-na-Copa-de-Espana-de-Ciclismo-Adaptado-

Suma e segue Luis Javier Arcega (ParaciclismoGalicia) na Copa de España de Ciclismo Adaptado. O líder da categoría MC3 mantivo este sábado no Circuit Ricardo Tormo de Valencia a súa condición de invicto durante esta temporada no certame estatal. Á fronte do ranking MH5 tamén continúa o seu compañeiro de equipo Iván Montero, que na antepenúltima cita do calendario rematou segundo, mesmo posto que acadou Damián Ramos (Norinver Cycling Team) na competición MC5. 

O quinto triunfo parcial de Arcega nesta edición da Copa rubricouno por diante de Carlos Perona (Fundación Ciclista de Castilla) e o terceiro posto ocupouno Raúl Vallinot (Alberto Contador). O seu pleno de vitorias outorga ao líder MC3 un comodísimo colchón de 78 puntos na xeral respecto ao segundo clasificado Alejandro Montero (Mirabike), que no III Gran Premio de Valencia tivo que conformarse con terminar cuarto. 

O ParaciclismoGalicia, que encabeza o ranking por equipos, acaricia outro título cun corredor galego en MH5. O handbiker Montero non puido obter o seu terceiro triunfo na Copa 2021, finalizando a case 9 minutos do subcampión europeo Luís Costa, pero na xeral desfruta de 54 puntos de marxe cando restan 120 por repartirse. 

O terceiro podio da nosa comunidade nesta xornada saíu dun esprint entre cinco corredores. Damián Ramos cruzou a liña de meta en segundo lugar nun axustado final que se anotou Rubén Tanco (A las 3), con Jose Manuel Castillo (Viso del Alcor) entrando terceiro. O ciclista do Norinver, que se impuxo na outra cita da Copa que disputou este curso, ascende ata a sétima posición da xeral. 

As dúas últimas xornadas deste certame terán como escenario a localidade murciana de Puerto Lumbreras a fin de semana do 16 e 17 de outubro. 

Clasificación Valencia

Copa de España

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es