Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Regreso triunfal de Mila López en Puerto Lumbreras e título da Copa de España para Iván Montero

19 DE OCTUBRE DE 2021

A handbiker do ParaciclismoGalicia conseguiu dúas vitorias na dobre cita que pechou o certame estatal de ciclismo adaptado

Regreso-triunfal-de-Mila-Lopez-en-Puerto-Lumbreras-e-titulo-da-Copa-de-Espana-para-Ivan-Montero

A Copa de España de Ciclismo Adaptado despediuse cunha intensa fin de semana en Puerto Lumbreras e cun regreso tan agardado como triunfal. Mila López (ParaciclismoGalicia) aínda non disputara este ano ningunha xornada e na súa estrea impúxose por partida dobre na categoría MH4, na contra o reloxo do sábado e na carreira a en liña do domingo. O seu compañeiro de equipo Iván Montero, malia non terse desprazado ata terras murcianas, adxudicouse o ranking MH5 do certame estatal. 

A baionesa López venceu con autoridade nas dúas probas organizadas polo Club Ciclista Pro Bike Mazarrón. Na 'crono' superou por case media hora a súa compañeira Pilar Montoya e o ParaciclismoGalicia repetiu dobrete en MH4 ao día seguinte na competición de fondo. Grazas a estas dúas vitorias a handbiker do Val Miñor irrompeu na xeral da Copa situándose segunda, por detrás de Montoya, que se fixo co título. 

O outro galego que acudiu a Puerto Lumbreras foi Alberto Abalde (ParaciclismoGalicia). O actual campión autonómico fixo quinto o sábado e cuarto o domingo, uns resultados que lle permitiron ascender ata a terceira posición no ranking MC2 do certame español. 

Montero

Unha vez completadas as sete xornadas da Copa 2021, que celebrou a súa segunda cita en Viveiro, Montero revalidou o seu título en MH5. Nin o handbiker coruñés nin o luso Luís Costa, segundo na xeral, participaron na clausura do curso e, polo tanto, mantívose a diferenza de 54 puntos a prol do galego. 

Tampouco estivo en Puerto Lumbreras o paraciclista que lideraba cun pleno de vitorias o ranking MC3 e a ausencia de Luis Javier Arceaga aproveitárona dous corredores para adiantalo na xeral. O do ParaciclismoGalicia caeu á terceira praza, con 300 puntos, quedando a 7 de Carlos Perona (Fundación Ciclista de Castilla) e a 36 do vencedor final Alejandro Montero (Mirabike). O mesmo posto, pero na táboa MH2, correspondeu a Ángel Plácido López (Inclusivo Enki), que tampouco competiu esta fin de semana e perdeu unha posición na xeral. 

Clasificación sábado

Clasificación domingo

Copa de España

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es