Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Os 10 nomes propios elite e sub-23 do Campionato de España de Ciclocrós en Pontevedra

07 DE ENERO DE 2020

Os 10 nomes propios elite e sub-23 do Campionato de España de Ciclocrós en Pontevedra

Os-10-nomes-propios-elite-e-sub-23-do-Campionato-de-Espana-de-Ciclocros-en-Pontevedra

FELIPE ORTS

(Villajoyosa, 1995)

O vixente campión elite chega a Pontevedra tras facer historia no ciclocrós estatal. Por primeira vez un corredor español aparece no Top-10 do ranking da UCI. O seu rendemento esta temporada, e nos últimos anos, sitúa ao alacantino do Teika como o gran favorito ao título.

A súa nómina de triunfos esta campaña roza a decena: Llodio, Elorrio, La Vila, Les Franqueses, Manlleu, Vic, Igorre, Xàtiva e Valencia. Ademais, acadou a segunda posición no EKZ Cross Tour suízo. O Mundial volve ser o seu principal obxectivo. Soña con repetir unha fazaña como a do 2017, cando se colgou a prata sub-23.

O ano pasado na Illa das Esculturas acadou a súa primeira coroa elite, despois de ter sido segundo no Campionato de España do 2018 en Legazpi.

 

ISMAEL ESTEBAN

(Torrelavega, 1983)

A última vez que estivo en Pontevedra impúxose na Copa de España disputada o 1 de decembro. Foi o seu primeiro e único triunfo nunha edición do certame estatal na que foi o elite máis regular. Pechou o 2019 adxudicándose a xeral final da Copa e abriu o 2020 proclamándose campión autonómico.

O cántabro do Aldro leva catro campionatos estatais consecutivos subindo ao podio. Bronce no 2016 na súa localidade natal, colgouse dous ouros consecutivos no 2017 e no 2018. O ano pasado rematou segundo por detrás de Orts, con quen compartía equipo.

 

KEVIN SUÁREZ

(Los Corrales de Buelna, 1994)

O circuíto da Illa das Esculturas non lle trae bos recordos. Hai un ano sufriu unha caída mentres quentaba e non puido tomar a saída na carreira elite. O cántabro do Nesta regresa a Pontevedra con contas pendentes e co aval do triunfo logrado este curso na Copa de España de Karrantza, a súa primeira vitoria de nivel UCI.

Subcampión de España elite no 2016 e no 2017, intentará inspirarse no acontecido no 2015. No seu último ano como sub-23 superou a Orts en Gijón. O seu primeiro e último resultado neste 2020 foi o segundo posto no autonómico de Cantabria, por detrás de Esteban.

 

GORKA IZAGIRRE

(Ormaiztegi, 1987)

O noveno clasificado no último Mundial en ruta reta aos especialistas no ciclocrós. O ciclista do Astana decidiu finalmente incluír a cita de Pontevedra no calendario da súa particular pretemporada para as probas en estrada. O seu último test fala ben ás claras do seu nivel sobre o barro. O pasado domingo, diante dos seus veciños en Ormaiztegi, venceu por diante do seu irmán Ion e de Esteban.

Unha semana antes, o maior dos Izagirre fíxose co maillot de campión de Euskadi. A súa paixón polo ciclocrós venlle de familia. O seu pai José Ramón foi dúas veces campión estatal (1991 e 1992). Profesional dende 2008 no pelotón de estrada, Gorka ten como principais triunfos unha etapa no Giro de Italia e o Campionato de España do 2018.

 

AIDA NUÑO

(Hevia, 1983)

A mellor corredora española de ciclocrós de todos os tempos aspira o seu oitavo título elite. A súa gran rival volverá ser a tamén asturiana Alicia González. Os dous duelos que levan protagonizados na Illa das Esculturas resolvéronse ao esprint, cunha vitoria para cada unha.

A vitoria lograda por Nuño no 2019 colocouna como a única ciclista da historia con sete vitorias nun Campionato de España. Esta temporada a corredora do Río Miera apuntouse a xeral da Copa de España, aproveitando a ausencia da súa rival habitual nunha da seis probas puntuables. Nos últimos meses acumula vitorias en probas menores e incluso dous podios en China.

 

LUCÍA GONZÁLEZ

(Viella, 1990)

Asentada no Top-20 mundial, o Campionato de España resísteselle nos últimos anos. Desde que se impuxo no 2013 suma catro pratas, un bronce e un quinto posto. Esta campaña a corredora elite do Nesta superou a súa paisana Nuño en catro dos seus cinco duelos na Copa de España.

A súa conta de éxitos neste curso alcanza as quince vitorias. A última asinouna en Crouchaux (Francia), onde triunfou por primeira vez nunha proba do calendario UCI fóra de España. No Mundial buscará mellor a 19ª posición do 2017.

 

IRENE TRABAZO

(Marín, 1998)

A referencia do ciclocrós galego feminino viviu un pesadelo hai un ano na Illa das Esculturas. Correndo a poucos quilómetros da súa casa sufriu un problema mecánico no arranque da proba, un contratempo que a deixou fóra da loita polas medallas. O domingo quere tomarse a ‘revancha’ facéndose co maillot de campioa estatal Sub-23.

Bronce e prata como júnior, dende que a líder do XSM saltou de categoría pisou o caixón como segunda clasificada en 2018. O título da Copa de España logrado esta temporada reforzou a súa moral  e o seu estado de forma puliuno cunha xira de Nadal por Bélxica e Francia. A súa principal ameaza será a valenciana Sofía Rodríguez.

 

IVÁN FEIJOO

(Allariz, 1999)

O renacer do ciclocrós en Galicia ten como máximo expoñente a este ourensán. O ano pasado ergueu dúas veces os brazos na Illa das Esculturas, outorgándolle á selección anfitrioa a vitoria no Team Relay e batendo a Jofre Cullell na pugna polo título individual sub-23. O domingo defenderá a súa coroa lucindo as cores do Nesta.

Indo de menos a máis no que vai de curso, culminou na última proba da Copa de España a súa remonta na clasificación para terminar como primeiro sub-23. No Nadal a sorte non o acompañou na súa xira por Bélxica e Francia, pero aínda así sumou dous Top-20 nas Copas do Mundo de Namur e Zolder. Nos campionatos estatais leva coleccionando medallas dende cadetes, co título júnior do 2017 como primeira gran alegría.

 

XABIER MURIAS

(Galdames, 1999)

A gran revelación desta campaña. No seu terceiro ano como sub-23 deu un salto de nivel encabezando o proxecto do Gela Pedagogikoa. Ante os problemas físicos que sufre Cullell, todo apunta a que será o gran rival de Feijoo.

O biscaíño leva tres Campionatos de España abonado ao bronce, un como júnior e dous na competición sub-23. Con experiencia en dous mundiais, esta temporada comezou sorprendendo aos elites na fin de semana burgalesa de Medina de Pomar e Villarcayo. Con Gorka Izagirre xogouse ao esprint a vitoria absoluta no Campionato de Euskadi.

 

CARLOS CANAL

(Xinzo de Limia, 2001)

O rapaz prodixio do ciclocrós español estréase como sub-23 nun campionato estatal. Arrasou na categoría júnior con dous títulos, despois de resistírselle o ouro cando era cadete. O seu potencial levou ao Burgos BH de estrada a abrirlle as portas para correr no pelotón profesional esta campaña sen ter pasado polo campo amateur.

Sen resultados destacados no pasado outono, o seu rendemento foi a máis na aproximación á cita de Pontevedra. Meteuse entre os tres primeiros a fin de semana pasada nas dúas últimas xornadas da Copa Galicia. Na Illa das Esculturas preséntase como candidato ao podio.

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es