Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O ciclocrós galego cólgase seis medallas na apertura do Campionato de España

08 DE ENERO DE 2021

O júnior Miguel Rodríguez, a máster-30 Montserrat Martínez e a máster-50 Isabel Castro subiron ao máis alto do podio. As cadetes María Filgueiras e Uxía Soto, prata e bronce respectivamente. Subcampionato máster-30 para Eva Ortega.

O-ciclocros-galego-colgase-seis-medallas-na-apertura-do-Campionato-de-Espana

Fotos: RFEC

Tres ouros, dúas pratas e un bronce. O ciclocrós galego exhibiu a súa fortaleza este venres na apertura do Campionato de España na localidade cántabra de Torrelavega. O júnior Miguel Rodríguez e a máster-30 Montserrat Martínez subiron ao máis alto do podio e co maillot do combinado autonómico tamén pisaron o caixón a subcampioa máster-30 Eva Ortega e as cadetes María Filgueiras e Uxía Soto, segunda e terceira respectivamente. Pola súa banda, Isabel Castro impúxose na clasificación máster-50 defendendo as cores do Condado Bike.

Nun trazado moi enlamado, o ponteareán Miguel Rodríguez protagonizou un fermoso duelo co local Alain Suárez (Cantabria) na carreira júnior. O representante da Selección de Galicia non tardou en destacarse, rodando en solitario ata que á metade da segunda volta, e tras superar uns problemas iniciais, Suárez conectou co corredor do Club Ciclista Ponteareas.

O man a man entre ambos non se definiu ata o último terzo da volta final, onde Rodríguez asestou un ataque definitivo ao que non puido responder Suárez. O vixente campión de Galicia impúxose por 14 segundos de diferenza. “O circuíto estaba moi pastoso e a bici non corría. Alain saíu mal, logo puido remontar e na última volta puiden sacarlle uns cantos metros”, comentou o novo campión estatal. O terceiro chanzo do podio ocupouno Rubén Sánchez (Madrid) e entre os dez primeiros remataron outros dous corredores da selección dirixida por Guillermo Sande: Anxo Carril, sétimo, e Fabián Rodríguez, décimo. O gran papel do combinado galego completárono Zoe del Río (13º), Martín González (14º) e Ricardo Buba (17º).

Na outra carreira masculina da xornada o balance no foi tan positivo para a delegación autonómica. Os cadetes non puideron entrar na loita polas medallas. O mellor clasificado foi Héctor García, que terminou duodécimo, por diante de Danny Buba (16º); Xano Gil, co maillot do Ponteareas, (17º); Tomás Pombo (18º); Martín Sestelo (22º); André Martínez (31º).

Cinco podios femininos

Galicia acumulou éxitos, un ano máis, nas competicións femininas. O potente bloque cadete da Selección aspiraba a revalidar o título conquistado no 2020 en Pontevedra e acariciou o seu obxectivo durante boa parte da carreira. María Filgueiras comezou impoñendo un duro ritmo dende as primeiras pedaladas, o que lle permitiu obter uns metros de vantaxe con respecto a Marta Cano (Catalunya) e na terceira posición finalizaba a primeira volta a galega Aroa Otero.

Invicta ata esta carreira, tanto a nivel autonómico como estatal, Filgueiras viuse superada no segundo xiro ao circuíto por Cano. A catalá adaptouse mellor ao barro e gañou con solvencia, por 55 segundos de diferenza sobre a ciclista do Caimanes de Betanzos. Uxía Soto, indo de menos a máis, conquistou o bronce superando por 4” a Otero, a súa compañeira do Avanza-O Porriño. Marta Estévez concluíu oitava e entre as vinte primeiras tamén se clasificaron Claudia Pérez (15ª) e Vania Gregores (17ª).

Outro dous podios, neste caso pisando os chanzos máis altos, asinaron as máster-30 do combinado autonómico. Montserrat Martínez bateu por 8” a Eva Ortega. A gañadora do Ciclismo Oiense e a subcampioa do Biciosos-Rías Baixas estiveron acompañadas na entrega de medallas pola terceira clasificada Tamara Álvarez (AsBike).

O terceiro ouro galego da xornada logrouno a ponteareá Isabel Castro. A defensora da coroa máster-50 venceu de xeito incontestable. Representando ao Condado Bike, avantaxou en case 6 minutos e medio a Teresa Infante (Mitto). O terceiro posto correspondeu a María del Mar Fernández (Enbici). Ás portas das medallas quedouse Sonia Costoya. A máster-40B da Selección de Galicia fixo cuarta no seu grupo de idade.

Máis información e clasificacións 

A xornada do sábado está reservada aos masters masculinos e catro corredores competirán coas cores de Galicia: Rubén Deaño (Ourense Termal) participará na carreira máster-30; José Rodríguez ‘Tami’ (Norinver), na máster-40; Juan José Saborido (Speedcross), na máster-50; e Constante Lestido (O Trisquel), na máster-60. O campionato clausurarase o domingo coas carreiras Sub23 e Elite masculinas, e Elite-Sub23 e júnior femininas.

GALERÍA DE FOTOS

O ciclocrós galego cólgase seis medallas na apertura do Campionato de España
O ciclocrós galego cólgase seis medallas na apertura do Campionato de España
O ciclocrós galego cólgase seis medallas na apertura do Campionato de España
O ciclocrós galego cólgase seis medallas na apertura do Campionato de España
O ciclocrós galego cólgase seis medallas na apertura do Campionato de España
O ciclocrós galego cólgase seis medallas na apertura do Campionato de España
O ciclocrós galego cólgase seis medallas na apertura do Campionato de España
O ciclocrós galego cólgase seis medallas na apertura do Campionato de España
O ciclocrós galego cólgase seis medallas na apertura do Campionato de España
O ciclocrós galego cólgase seis medallas na apertura do Campionato de España
O ciclocrós galego cólgase seis medallas na apertura do Campionato de España
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es