Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Campionato de Galicia despide en Poio unha histórica temporada autonómica de ciclocrós

07 DE ENERO DE 2023

Ciclistas de quince categorías competirán este domingo pola mañá no circuíto da Seca

O-Campionato-de-Galicia-despide-en-Poio-unha-historica-temporada-autonomica-de-ciclocros

Despois de tres meses nos que se celebraron cinco eventos internacionais e trece xornadas da Copa Galicia, a histórica temporada autonómica de ciclocrós 2022 baixa o pano este domingo co seu Campionato. A localidade pontevedresa de Poio será o escenario dende as 9:30 horas das batallas polas coroas ás que optan ciclistas de quince categorías. As intensas chuvias caídas durante as últimas horas e unha previsión meteorolóxica cargada de auga garanten moita lama e espectáculo no circuíto da Seca. 

O Campionato de Galicia - V Ciclocrós Poio Móvese presentará un trazado de 3 quilómetros de lonxitude no que, ademais do barro, os 250 participantes terán que superar en cada volta obstáculos e zonas de area. A proba organizada polo Poio Bike Club e o Concello de Poio, en colaboración coa Federación Ciclismo Galego, despide o calendario autonómico e trátase da última competición previa ao Campionato de España, que terá lugar a vindeira semana en Vic. Ao igual que o resto de citas disputadas esta campaña na nosa comunidade, tamén repartirá puntos para o ranking da Real Federación Española de Ciclismo ao estar catalogado como un evento de clase 1.33.5. 

O programa de carreiras arrancará cunha primeira quenda na que entrarán en acción tres categorías masters masculinas: 30, 50 e 60. A continuación, ás 10:30 h., comparecerán os máster-40. Tras un alto ás 11:30 h. para adestrar, a competición volverá a escena ás 11:45 h. cos cadetes e ás 12:30 h. comezará a manga feminina coas corredoras elite, sub23, juniors, cadetes e masters. Para as 13:30 h. está fixada a celebración da Proba Inclusiva e para as 14:00 h., a saída dos elites, sub23 e juniors masculinos. Por último, e como colofón da xornada, rodarán polo circuíto as rapazas e rapaces do pelotón Infantil, unha actividade de promoción sen títulos do Campionato de Galicia en xogo. 

Hai once categorías nas que están aseguradas as remudas nos tronos autonómicos, ben sexa por ausencia ou ben polo cambio de grupo de idade da vencedora ou vencedor hai un ano en Maceda. Pola súa banda, aspiran a repetir vitoria Marina González (Illas Cíes) nas máster-40, Andrés Calvete (Monte Xalo) nos máster-40, Marcial Rodríguez (QueBici-Marcisport) nos máster-50 e Manuel González Ojea (Bici O Con) nos máster-60. Atendendo aos resultados das últimas semanas na Copa Galicia, o elite Samuel González (Máis Que Bicis) e a sub23 Laura Mira (Supermercados Froiz) parten como rivais a bater nas quendas raíñas. 

 

GALERÍA DE FOTOS

O Campionato de Galicia despide en Poio unha histórica temporada autonómica de ciclocrós
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es