Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Galicia defende a súa hexemonía no Team Relay do Campionato de España de Ciclocrós

12 DE ENERO DE 2023

A proba de remudas por seleccións autonómicas abre este venres o estatal de Vic

Galicia-defende-a-sua-hexemonia-no-Team-Relay-do-Campionato-de-Espana-de-Ciclocros

Tras facerse co título en tres das catro últimas edicións, a Selección de Breogán será o conxunto a bater este venres na proba Team Relay coa que arranca na localidade barcelonesa de Vic o Campionato de España de Ciclocrós 2023. A carreira de remudas por combinados autonómicos inaugura o programa dun evento que se prolongará ata o domingo e no que 23 ciclistas defenderán as cores de Galicia. Ademais, varias corredoras e corredores da nosa comunidade optan ao podio representando aos seus clubs. 

Gañadora no 2017 en Valencia, no 2019 en Pontevedra e no 2022 en Xàtiva, a selección da Federación Ciclismo Galego instaurou a súa hexemonía no Team Relay, unha competición que non se celebrou nin no 2020 nin no 2021. A pugna entre seleccións autonómicas comezará ás 16:00 horas e cada un dos seis remudistas deberá dar unha volta ao circuíto. O trazado de Vic, cunha lonxitude de 3 quilómetros, caracterízase por ser rápido e técnico. Inclúe unha pequena zona de taboleiros e un par de taludes de gran desnivel que obrigarán a patear aos participantes.

As probas individuais concéntranse na fin de semana. O sábado pola mañá disputaranse as carreiras masters masculinas con Andrés Calvete, da Selección de Galicia, na Máster-40 ás 10:45 horas.

Pola tarde chegará a quenda das carreiras cadetes, a categoría que compón case ao 50% a lista confeccionada polo seleccionador Alberto del Río nunha aposta por impulsar a progresión do grupo de idade máis novo. Ás 15:00 h. poranse en marcha as rapazas cadetes con Lorena Patiño, Alba Gregores, Iris Fernández e Alejandra Neira. Xunto a elas competirán as masters, con Marina González formando parte da Selección de Breogán e buscando revalidar a coroa máster-40 lograda o ano pasado. A continuación, ás 15:50 h., comparecerán os rapaces cadetes con sete representantes de Galicia: Darío Buceta, Néstor Frías, Santiago Otero, Arón Lorenzo, Xián Alvariño, Raúl Puelles e Adrián García. 

Domingo

A xornada de clausura estará reservada para as probas das categorías Júnior, Sub23 e Elite. Os xuvenís masculinos empezarán a rodar ás 9:30 horas con André Martínez e Martín Díaz como bazas do combinado autonómico. Ás 10:30 h chegará a quenda dos sub23, un pelotón no que a expedición da FCG contará con Anxo Carril e Borja Gómez.

Ás 11:55 h. Galicia partirá como favorita na categoría júnior da quenda raíña feminina na que tamén competirán as sub23 e as elites. María Filgueiras, Uxía Soto e Aroa Otero, as tres primeiras clasificadas esta temporada na Copa de España, forman o trío júnior da Selección de Breogán, que nas sub23 presentará a Laura Mira e nas elites a Irene Trabazo. Por último, o Campionato de España despedirase ás 13:10 cos elites masculinos entre os que estará Samuel González como encargado de pechar a actuación do bloque autonómico.

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es