Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Tres galegas proclámanse campioas de España de ciclocrós en Vic

14 DE ENERO DE 2023

A cadete Lorena Patiño (Selección de Galicia), a máster-40A Marina González (Selección de Galicia) e a máster-50A Isabel Castro (Condado Bike) asinaron o trío de ouros. Andrés Calvete (Selección de Galicia) colgouse a prata nos máster-40A

Tres-galegas-proclamanse-campioas-de-Espana-de-ciclocros-en-Vic

Fotos: Luz Iglesias

O ciclocrós galego está respondendo ás altas expectativas coas que acudiu ao Campionato de España de Ciclocrós que se celebra na localidade barcelonesa de Vic. Despois do segundo posto obtido onte pola Selección de Breogán na proba Team Relay, este sábado chegaron catro medallas máis: tres ouros e unha prata. A cadete Lorena Patiño, a máster-40A Marina González e a máster-50A formaron o trío de corredoras autonómicas que se proclamaron campioas estatais e Andrés Calvete subiu ao segundo chanzo do podio na categoría máster-40A. 

Trece dos 23 ciclistas que a Federación Ciclismo Galego desprazou a terras catalanas competiron na primeira xornada de carreiras individuais. Lorena Patiño, a gañadora esta temporada de todas as citas da Copa de España de Ciclocrós, cumpriu cos prognósticos e acadou a súa segunda camisola rojigualda despois da súa vitoria o pasado verán no campionato de Cross Country Olímpico. A marinense da Selección de Galicia dominou de principio a fin na proba cadete e ergueu os brazos con 43 segundos de vantaxe sobre Leyre Almena (Comunidade Valenciana) e con 1'18" respecto a Lidia Castro (Castela e León). Alejandra Neira, sexta; Iris Fernández, décima; e Alba Gregores, décimo oitava, completaron a actuación do combinado dirixido por Alberto del Río. 

Na mesma quenda chegaron os outros dous títulos das galegas. Marina González revalidou o máster-40A logrado hai un ano en Xàtiva e fíxoo anotándose a vitoria absoluta da súa carreira. A verinesa que reside en Vigo impúxose por diante da máster-40B Ruth Moll (Oviedo.es), á que bateu por 47", e no podio estivo escoltada por Sonia Pato (Castela e León) e Eva Argüelles (Oviedo.es), segunda e terceira respectivamente no grupo de idade encabezado pola corredora da Selección de Galicia. O chanzo máis alto do caixón tamén o pisou Isabel Castro. Defendendo as cores do Condado Bike foi a máis forte entre todas as máster-50, distanciándose en 1'35" de Roser Vidal (Comunidade Valenciana) e en 2'29" de Raquel Montañés (Fuenlabrada), que ao igual que a pontereá competían no grupo de idade A. 

En canto ás competicións masters masculinas, Andrés Calvete colgouse a prata nos 40A por segundo ano consecutivo. O especialista de Cambre, que na véspera formou parte do sexteto da Selección de Breogán no Team Relay, volveu lucir as cores do combinado galego e ocupou a segunda posición na táboa absoluta a 18" do gañador do seu grupo de idade Isaac Suárez (Cantabria). A terceira praza, a medio minuto do coruñés, correspondeu a Gaizka Pujana (Euskadi), tamén 40A.

No resto de grupos de idade máster, rubricaron postos no top-10 os galegos Miguel Porto (Ponteareas), quinto nos 30B; José Manuel Comesaña (Monteferro), oitavo nos 50A; Óscar González (Máis Que Bicis), décimo nos 50A; Javier Lago (QueBici-Marcisport), décimo nos 50B; e Antonio 'Tucho' González (Salvaterra), noveno nos 60A. 

A xornada pechouse cos cadetes masculinos, carreira na que sete ciclistas representaron á Selección de Galicia. Xián Alvariño colleitou o mellor resultado do equipo autonómico ao concluír noveno. Entre os 30 primeiros tamén se clasificaron Adrián García, décimo cuarto; Néstor Frías, décimo sexto; Santiago Otero, décimo noveno; Raúl Puelles, vixésimo terceiro; Arón Lorenzo, vixésimo sétimo; e Darío Buceta, vixésimo oitavo. Outro galego, Xoel Cidrás, fixo vixésimo competindo co maillot do XSM. 

Clausura

A xornada deste domingo baixará o pano do Campionato de España 2023 e estará reservada para as probas das categorías Júnior, Sub23 e Elite. Os xuvenís masculinos empezarán a rodar ás 9:30 horas con André Martínez e Martín Díaz como bazas de Galicia. Ás 10:30 h chegará a quenda dos sub23, un pelotón no que a expedición da Federación Ciclismo Galego contará con Anxo Carril e Borja Gómez.

Ás 11:55 h. a Selección de Breogán partirá como favorita na categoría júnior da quenda raíña feminina na que tamén competirán as sub23 e as elites. María Filgueiras, Uxía Soto e Aroa Otero, as tres primeiras clasificadas esta temporada na Copa de España, forman o trío júnior do equipo galego, que nas sub23 presentará a Laura Mira e nas elites a Irene Trabazo. Por último, o Campionato de España despedirase ás 13:10 h. cos elites masculinos entre os que estará Samuel González como encargado de pechar a actuación do bloque autonómico.

Máis información e clasificacións

 

 

GALERÍA DE FOTOS

Tres galegas proclámanse campioas de España de ciclocrós en Vic
Tres galegas proclámanse campioas de España de ciclocrós en Vic
Tres galegas proclámanse campioas de España de ciclocrós en Vic
Tres galegas proclámanse campioas de España de ciclocrós en Vic
Tres galegas proclámanse campioas de España de ciclocrós en Vic
Tres galegas proclámanse campioas de España de ciclocrós en Vic
Tres galegas proclámanse campioas de España de ciclocrós en Vic
Tres galegas proclámanse campioas de España de ciclocrós en Vic
Tres galegas proclámanse campioas de España de ciclocrós en Vic
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es