Máis de 300 ciclistas participarán este domingo 24 na XX edición do Ciclocross Cidade de Santiago

21 DE OCTUBRE DE 2021

Cuarta xornada da Copa Galicia

Mais-de-300-ciclistas-participaran-este-domingo-24-na-XX-edicion-do-Ciclocross-Cidade-de-Santiago

 O estadio Verónica Boquete acollerá este domingo, 24 de outubro, de 8.00 a 16.00 horas a XX edición do Ciclocross Cidade de Santiago, que presentaron en rolda de prensa a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, e o presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz.

Este evento deportivo, "unha cita xa clásica na cidade", como indicou a concelleira, é a cuarta xornada puntuable da Copa Galicia de Ciclocrós, tamén puntuable para o ranking español. Está organizado polo Clube Ciclista Compostelano, en colaboración co Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e a Federación Ciclismo Galego.

Celebrarase no exterior do estadio Verónica Boquete de San Lázaro, nunha superficie de 15.000 metros cadrados que dá cabida a un circuíto circular de 2.500 metros cadrados, ademais de a unha zona de aparcamento, á oficina permanente e á zona dos equipos.
Os máis de 300 participantes abarcan un rango de idade dos 14 aos 69 anos, sendo o rango máis numeroso o de 35 a 49. Vinte dos participantes atópanse entre os 50 e os 69 anos. Os deportistas proveñen das catro provincias galegas, do resto de España e de Portugal.

O ciclocross é unha disciplina ciclista, nacida a principios do século XX, que consiste en realizar un determinado número de voltas a un circuíto con tramos de asfalto, camiños, prados e terreos enfangados, e cunha serie de obstáculos (naturais ou artificiais) que deban obrigar ao corredor a baixarse da bicicleta para sortealos. Debido ás súas características dispútase unicamente no outono e inverno (a tempada federada aquí en Galicia é de outubro a finais de decembro).

Fonte: Concello de Santiago

GALERÍA DE FOTOS

Máis de 300 ciclistas participarán este domingo 24 na XX edición do Ciclocross Cidade de Santiago

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es