Facebook Twitter Youtube Instagram Español

María Filgueiras apuntala o seu liderado na Copa de España con dúas vitorias en Euskadi

07 DE NOVIEMBRE DE 2021

Eva Ortega impúxose entre as máster-30 en Llodio e o ciclocrós galego obtivo cinco podios máis durante a fin de semana

Maria-Filgueiras-apuntala-o-seu-liderado-na-Copa-de-Espana-con-duas-vitorias-en-Euskadi

Foto: RFEC

Ao mesmo tempo que o circuíto neerlandés de Drenthe acolleu esta fin de semana o Campionato de Europa, con presenza de seis ciclistas da nosa comunidade, a Copa de España celebrou unha dobre cita en Euskadi que tamén puxo en xogo puntos UCI. Tanto en Llodio (C1) como en Karrantza (C2) a betanceira María Filgueiras (Río Miera) fíxose co triunfo nas cadetes e apuntalou o seu liderado no certame estatal. Ao máis alto do caixón tamén subiu o sábado Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas) asinando un dos seis podios másters que acadaron os representantes galegos sobre o barro vasco. 

En dous escenarios moi enlamados, María Filgueiras estivo intratable. Lucinco a camisola da Copa de España, que se vestiu na apertura do certame en Pontevedra, a corredora do Río Miera abriu a fin de semana impoñéndose no XXXIII Ciclocross Internacional de Llodio por 1:42 de diferenza respecto a Leyre Almena (Teika). Esa orde repetiuse no XXVIII Ciclocross Internacional Karrantza coa de Betanzos gañando por unha marxe de 52". A un paso de acompañalas no podio do domingo quedou Aroa Otero (Avanza-O Porriño), cuarta no circuíto biscaíño. 

Outros dous rankings da Copa continuán comandados por ciclocrosistas galegas. A máster-30 Eva Ortega apuntouse a vitoria no seu grupo de idade en Llodio. A do Biciosos-Rías Baixas rematou entres dúas máster-40: a 9" de Ruth Moll (Oviedo.es) e superando por 25" á galega Marina González (Illas Cíes). Ao día seguinte quen pugnou con Moll polo triunfo absoluto foi González, cruzando a liña de meta a 12" da asturiana e conservando o maillot de líder. Ortega concluíu cuarta en Karrantza, por detrás da gañadora máster-30 Carolina Juárez (Mister Biker), e segue á fronte da xeral da súa categoría. 

A colleita de podios do ciclocrós autonómico completárona os máster-40. José Rodríguez 'Tami' (Norinver) obtivo o segundo posto e asaltou o liderado en Llodio, nunha carreira que se anotou Raúl Ballester (Mister Biker) e na que o cambrés Andrés Calvete (Monte Xalo) terminou quinto. O primeiro posto no ranking duroulle 24 horas ao porriñés, quinto na proba do domingo. O podio galego en Karrantza conseguiuno Calvete, terceiro por detrás do portugués Rogerio Matos, que recuperou o liderado, e do vencedor Isaac Suárez (Nesta).

O díptico vasco deixou outros resultados sobranceiros da representación galega. En Llodio, o júnior Iván Fernández (Vigo-Rías Baixas) clasificouse oitavo, a júnior Vania Gregores (Ponteareas) finalizou novena e o máster-50 Óscar González (Máis Que Bicis), décimo. A esta lista dos top-10 sumouse a júnior Sofía Álvarez (Cambre) cun quinto posto en Karrantza, onde Óscar González mellorou respecto ao día anterior e ocupou a sexta praza. Ademais, nesta última cita, Samuel González (Máis Que Bicis) foi 12º nos elites, mesma posición que ocupou Anxo Carril (Coruxo) nos sub23, mentres que Irene Trabazo (XSM) pechou a fin de semana sendo 11ª nas elites.

A cuarta xornada da Copa de España terá lugar o 21 de novembro en Alcobendas (Comunidad de Madrid).

Clasificacións Llodio

Clasificacións Karrantza

 

GALERÍA DE FOTOS

María Filgueiras apuntala o seu liderado na Copa de España con dúas vitorias en Euskadi
María Filgueiras apuntala o seu liderado na Copa de España con dúas vitorias en Euskadi
María Filgueiras apuntala o seu liderado na Copa de España con dúas vitorias en Euskadi
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es