As Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas estreáronse con éxito en Marín

05 DE SEPTIEMBRE DE 2022

As corredoras das categorías de formación asistiron a charlas ofrecidas por relatoras de luxo, conviviron e adestráronse

As-Xornadas-de-Tecnificacion-Mulleres-Ciclistas-estrearonse-con-exito-en-Marin

A Federación Ciclismo Galego celebrou por primeira vez unha iniciativa pioneira ideada para converterse na gran xuntanza do ciclismo feminino de formación. As Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas estreáronse na localidade pontevedresa de Marín e esta convivencia de dous días resultou un éxito. Cun cartel de relatoras de luxo, as promesas da bicicleta aprenderon, reflexionaron e adestráronse seguindo un programa de actividades tan intenso como enriquecedor. 

O Colexio Plurilingüe SEI San Narciso abriu as súas portas para o pelotón feminino o pasado venres e a benvida ás instalacións que exerceron de epicentro das xornadas correu a cargo de Antonio Traba, concelleiro de Deportes de Marín. A continuación, tomaron a palabra catro ciclistas que acumulan títulos e son referentes nas súas especialidades. As irmás asturianas Lucía González, corredora do Nesta MMR e catro veces campioa de España de Ciclocrós, e Alicia González, ciclista de estrada no Movistar Team, xunto ás galegas Eva Castro, campioa de España de Descenso e Four Cross, e Irene Trabazo, campioa autonómica de ciclocrós, compartiron as súas experiencias persoais nun coloquio dirixido e animado por Terio Carrera, presentador da Televisión de Galicia.

Neste encontro de campioas as convidadas recordaron como foron os seus inicios, analizaron a evolución do ciclismo feminino, contaron anécdotas e ofreceron consellos ás promesas que aspiran a seguir os seus camiños. 

O programa do primeiro día continuou cunha merenda na visita á Granxa de Briz - Parque dos Sentidos, onde as corredoras de distintas idades e disciplinas estreitaron lazos e desfrutaron dun recinto situado no centro de Marín. Pola noite, Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego, ofreceu unha pequena charla técnica despois da cea, agradecendo a presenza das corredoras, a colaboración e a implicación do Concello de Marín, e ratificando a a aposta da FCG polo ciclismo feminino e a formación.

Adestramentos, nutrición e psicoloxía

O sábado as xornadas Mulleres Ciclistas mesturaron a práctica e a teoría nun día do máis intenso. A mañá reservouse ás saídas en bicicleta, coas participantes dividíndose en tres grupos. O pelotón de estrada, dirixido polo seleccionador autonómico Jacobo Ucha, rodou pola comarca do Morrazo, un percorrido que incluíu as subidas aos altos da Cruz de Ermelo e do Lago de Castiñeiras. Pola súa banda, o adestramento de Cross Country Olímpico (XCO) conduciuno Irene Trabazo polos montes de Marín, Bueu e Vilaboa. As bikers transitaron polo Monte Penizas, Pardavila, as inmediacións do Lago de Castiñeiras, o descenso cara Vilaboa e o Monte Pituco. En canto á sesión de Descenso (DHI) e Enduro, as riders gozaron dos saltos, peraltes e desniveis do circuíto de Vilaboa seguindo os consellos e indicacións de Eva Castro. 

As bicicletas descansaron pola tarde para que as corredoras se formaran en dúas materias intimamente vinculadas co ciclismo. A nutricionista Lucía Vázquez, que no seu palmarés como deportista conta con títulos de XCO e Ciclocrós, expuxo os seus coñecementos sobre hábitos saudables, nutrición deportiva e en competición, menstruación e rendemento. A segunda conferencia da xornada ofreceuna a psicóloga Blanca Izquierdo, que abordou aspectos como a motivación, a xestión dos éxitos e dos fracasos, e a organización do tempo para compaxinar os estudos co deporte. 

Clausura

Unha vez completado o progama desta iniciativa, a alcaldesa María Ramallo quixo despedir ás participantes nas xornadas. No seu encontro coas ciclistas, a rexidora marinense apuntou que "temos que facer moito polo deporte feminino" e destacou os valores que aporta a práctica da actividade física: "As boas deportistas acostuman a ter as súa cabezas tan ben amobladas porque saben racionalizar o seu tempo, aproveitalo e concentrarse. Aprenden a esforzarse, a sacrificarse e moitas veces a saber perder, a saber levantarse". Con estas verbas e cunha foto de familia pecháronse dous inesquecibles días de ciclismo en clave feminina. 

 

 

GALERÍA DE FOTOS

As Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas estreáronse con éxito en Marín
As Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas estreáronse con éxito en Marín
As Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas estreáronse con éxito en Marín
As Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas estreáronse con éxito en Marín
As Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas estreáronse con éxito en Marín
As Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas estreáronse con éxito en Marín
As Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas estreáronse con éxito en Marín
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es