Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Marín xa está preparada para a segunda edición das 'Xornadas Tecnificación Mulleres Ciclistas'

29 DE MARZO DE 2023

A gran xuntanza feminina do 5 e o 6 de abril presenta un cartel de convidadas de luxo. Ás charlas e ao coloquio poderá asistir o público en xeral.

Marin-xa-esta-preparada-para-a-segunda-edicion-das-Xornadas-Tecnificacion-Mulleres-Ciclistas

A falta dunha semana para a súa segunda edición, as 'Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas' desvelaron a súa programación este mércores en Marín. Esta localidade pontevedresa repite o 5 e o 6 de abril como sede dunha iniciativa impulsada pola Federación Ciclismo Galego (FCG) e destinada ás corredoras da base. Unha gran xuntanza feminina que abordará o binomio muller e bicicleta dende diferentes perspectivas e da man dunha nómina de convidadas de luxo. 

Na presentación desta convivencia formativa participaron este mediodía María Ramallo, alcaldesa de Marín; Antonio Caíña, coordinador de actividades deportivas de Marín; Irene Trabazo, corredora, adestradora e presidenta do Club Ciclista XSM; e Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG. A organización das xornadas agradeceu o inestimable apoio do Concello de Marín para que este proxecto sexa por segundo ano consecutivo unha realidade. A inscrición gratuíta inclúe aloxamento e pensión completa. 

As ciclistas hospedaranse no Colexio SEI San Narciso e o auditorio deste centro acollerá as charlas e o coloquio, actividades ás que poderá asistir calquera persoa interesada. O mércores, ás 10:30 horas, José Ramón Lillo Bevia (Doutor en Ciencias da Actividade Física e do Deporte) dirixirá a sesión titulada 'Ciclo menstrual e rendemento' e a continuación, ás 12:00 h, Gemma Pascual (Presidenta da Comisión nacional de ciclismo feminino e Seleccionadora española de ciclismo feminino en ruta) impartirá a conferencia 'A evolución do Ciclismo Feminino'. 

O xoves, a partir das 10:00 h, chegará a quenda de Coral Fernández Gumiel (Xefa de División na Comisión Española para a Loita Antidopaxe no Deporte (CELAD)) coa charla 'Dopaxe cero, o que debes saber'. Acto seguido, ás 11:30 h, comezará o coloquio 'Mulleres Vinculadas ao ciclismo' no que compartirán as súas experiencias Pilar Pavón (Médica en voltas ciclistas), Dolores Cuñarro (Árbitra de categoría nacional), Eva Castro (Seleccionadora de Galicia de especialidades gravity) e Luz Iglesias (fotógrafa en eventos de ciclismo).

Ademais, as inscritas nestas xornadas subiranse á bicicleta nun adestramento no que o grupo se dividirá atendendo ás diferentes modalidades do ciclismo. Ao longo destes dous días de convivencia tamén se efectuarán outras actividades ao aire libre. 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es