Facebook Twitter Youtube Instagram Español

As Xornadas Mulleres Ciclistas volveron ser unha experiencia enriquecedora para o pelotón feminino

07 DE ABRIL DE 2023

As corredoras galegas recibiron charlas formativas, adestráronse e conviviron durante dous días en Marín

As-Xornadas-Mulleres-Ciclistas-volveron-ser-unha-experiencia-enriquecedora-para-o-peloton-feminino

Fotos: Luz Iglesias

É moito máis que unha concentración ou un ciclo de conferencias. As Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas volveron resultar na súa segunda edición unha experiencia que abarcou todos os aspectos relacionados co pelotón feminino. Unha convivencia ideada pola Federación Ciclismo Galego (FCG) para formar ás promesas autonómicas da man de grandes especialistas, adestrar e crear vínculos. Dous días para fomentar o binomio muller e bicicleta nos que a localidade pontevedresa de Marín repetiu como sede. 

As participantes neste evento gratuíto aloxáronse en réxime de pensión completa no SEI San Narciso e no auditorio deste Colexio Plurilingüe arrancou o programa das Xornadas con dúas charlas na mañá do mércores 5 de abril. A primeira sesión didáctica, titulada 'Ciclo Menstrual e Rendemento', ofreceuna José Ramón Lillo Bevia, Doutor en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, e da segunda encargouse Gemma Pascual, Presidenta da Comisión nacional de ciclismo feminino e Seleccionadora española de ciclismo feminino en ruta, compartindo os seus coñecementos a través do relatorio 'A Evolución do Ciclismo Feminino'. Entre unha e outra conferencia as corredoras recibiron a visita de María Ramallo, alcaldesa de Marín, e de Antonio Traba, concelleiro de Deportes, acompañados por Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. 

A tarde do primeiro día de convivencia estivo dedicada a adestrar. As corredoras dividíronse en tres grupos: as bikers de Cross Country Olímpico rodaron coa ciclista local Irene Trabazo á fronte; tamén polos montes de Marín as riders das especialidades gravity traballaron e desfrutaron sobre a bicicleta seguindo as indicacións da seleccionadora Eva Castro; e as ciclistas de estrada acumularon quilómetros sobre o asfalto baixo a supervisión do seleccionador Jacobo Ucha. 

Charla sobre dopaxe e coloquio

Con outra relatora de luxo como Coral Fernández Gumiel retomáronse as charlas na mañá do Xoves Santo. A Xefa de División na Comisión Española para a Loita Antidopaxe no Deporte (CELAD) resolveu mediante a súa presentación 'Dopaxe o que debes saber' todo tipo de dúbidas. A continuación, tomaron a palabra catro mulleres que desempeñan diferentes funcións nos ciclismo galego. A fotógrafa Luz Iglesias, a excorredora e actual seleccionadora Eva Castro, a árbitra de categoría nacional Dolores Cuñarro e a médica Pilar Pavón mantiveron un coloquio no que as súas vivencias persoais serviron para realizar unha reflexión desde diversos ángulos en clave feminina sobre a realidade deste deporte, unha entretida conversa na que interactuaron coas participantes nas Xornadas. 

A clausura do gran cumio anual dirixido a ciclistas en idade de formación consistiu nun paseo para gozar das paisaxes de Marín e dunha tarde solleira. Deste xeito pechouse unha enriquecedora iniciativa, xa consolidada dentro da ambiciosa aposta que a FCG vén realizando co ciclismo feminino. 

 

GALERÍA DE FOTOS

As Xornadas Mulleres Ciclistas volveron ser unha experiencia enriquecedora para o pelotón feminino
As Xornadas Mulleres Ciclistas volveron ser unha experiencia enriquecedora para o pelotón feminino
As Xornadas Mulleres Ciclistas volveron ser unha experiencia enriquecedora para o pelotón feminino
As Xornadas Mulleres Ciclistas volveron ser unha experiencia enriquecedora para o pelotón feminino
As Xornadas Mulleres Ciclistas volveron ser unha experiencia enriquecedora para o pelotón feminino
As Xornadas Mulleres Ciclistas volveron ser unha experiencia enriquecedora para o pelotón feminino
As Xornadas Mulleres Ciclistas volveron ser unha experiencia enriquecedora para o pelotón feminino
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es