Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Comunicado oficial da Federación Galega de Ciclismo

20 DE ENERO DE 2021

Respecto ás novas restricións publicadas no DOG

Comunicado-oficial-da-Federacion-Galega-de-Ciclismo-

Tras a nova emitida onte, martes 19 de xaneiro de 2021, polo Conselleiro de Sanidade, posteriormente tratada na reunión telemática mantida na mesma tarde coa Secretaría Xeral para o Deporte e todas as federacións deportivas galegas e publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), dende a Federación Galega de Ciclismo queremos expresar a nosa tristeza pola decisión tomada da suspensión das competicións deportivas de nivel autonómico, sometendo os adestramentos ás mesmas limitacións que a actividade non federada. Esta medida entrara en vigor desde esta noite ás 00:00 horas. Dende a FGC creemos que este parón non axuda ao deporte galego. O noso deporte é seguro grazas ao esforzo de todos os estamentos da FGC (clubs, deportistas, técnicos e xuíces) e con esta decisión damos un paso atrás. Aínda así, debemos acatar as normas, restrinxir a mobilidade para frear os contaxios. Desexamos que esta situación remate canto antes, por iso pedimos comprensión aos nosos/as federados/as, sabemos que hai moitas dúbidas, pero agora mesmo o ciclismo, o noso deporte debe dar exemplo para entre todos/as voltar con máis forza á actividade ciclista.

 

Escrito UFEDEGA

A Federación Galega de Ciclismo comparte o escrito achegado dende a Ufedega (Unión de Federacións Deportivas galegas) ao que nos unimos de maneira firme.

A Orde do 19 de xaneiro de 2021 pola que se modifica a Orde do 3 de decembro de 2020, na que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, no punto terceiro dispón a suspensión das competición deportivas de nivel autonómico e someten os adestramentos ás mesmas limitacións co resto da actividade física e deportiva non federada, é dicir, de forma individual ou colectiva ata un máximo de catro persoas, sexan ou non conviventes, excluíndo o monitor.

Dende a Unión de Federacións Deportivas Galegas somos conscientes da grave situación sanitaria que está sufrindo o noso país e queremos trasladar todo o noso apoio as persoas que están loitando para superar esta situación e ofrecer a nosa colaboración en todo o que sexa necesario.

A suspensión das competicións deportivas de nivel autonómico déixanos moi preocupados, porque creemos firmemente que o deporte federado é parte da solución;

• Somos unha actividade regulada, que desenvolve a súa labor dunha forma impecable.

• Traballamos durante meses na confección de estritos protocolos, avalados por recoñecidos expertos e aprobados pola esixente administracion pública.

• Temos a experiencia de varios meses de competición durante a pandemia,practicamente sen incidencia do virus no deporte.

• É destacable a importancia que está tendo o deporte federado no cribado e control da pandemia, o deporte galego realizou máis de 35.000 test de detección do COVID-19.

• Somos unha actividade esencial para evitar o sedentarismo e as enfermidades derivadas do mesmo.

• Ademais de fortalecer o noso sistema inmunolóxico e psicolóxico, serve coma medio de evasión para desconectar das desgrazas que tristemente nos está a tocar presenciar.

• Complementamos a formación académica e familiar que reciben os nosos pequenos/as.

Por todo o dito, nos últimos meses, o deporte federado galego acreditouse como un exemplo a seguir pola súa capacidade de adaptación e traballo, grazas a unha forte e crecente unión entre as Federacións que permitiu avanzar, sempre en colaboración coa Administración, pola recuperación dos adestramentos e competicións na nosa comunidade.

Esta liña de traballo, que primou dende o primeiro momento a saúde de todos os deportistas e do seu entorno, vese truncada polas medidas tomadas, abrindo un período de moita incerteza polos diversos efectos que causará a paralización indeterminada das competicións e do desenvolvemento natural dos adestramentos.

Sendo conscientes da adversa evolución das últimas semanas, dende a Unión de Federacións Deportivas Galegas reiteramos o noso total compromiso na loita e control da pandemia, pero discrepamos en que a suspensión das competicións deportivas de nivel autonómico sexan o camiño para acadar ese obxectivo tan desexado por todos/as.

Orgullosos da incansable labor realizada polas Federacións e polos nosos deportistas, agardamos que se escoiten todas as opinións na busca de consensos para afrontar o futuro con seguridade e certezas.

Confiamos en estar de volta moi pronto para continuar aportando, como sempre fixemos, a maior das nosas axudas. Desfrutaremos xuntos de novo, seguimos #ForteCoDeporte.

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es