Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Pontevedra ten a organización do Campionato de Europa de Ciclocrós de 2024 a punto de caramelo

18 DE ENERO DE 2022

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o presidente da FCG, Juan Carlos Muñiz, mantiveron unha reunión para analizar a situación da candidatura

Pontevedra-ten-a-organizacion-do-Campionato-de-Europa-de-Ciclocros-de-2024-a-punto-de-caramelo

Pontevedra ten o Campionato de Europa de Ciclocrós de 2024 a punto de caramelo. Así o confirmaron hoxe o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o presidente da Federación Ciclismo Galego (FCG), Juan Carlos Muñiz, tras unha reunión mantida na Sala de Comisións do Concello con técnicos do Servizo Municipal de Deportes para analizar a situación da candidatura, así como o orzamento, compromisos necesarios e condicións de xestión esixidas pola Unión Europea de Ciclismo (UEC) de cara a organizalo.

Tal e como subliñou o edil do PSOE, “a nosa cidade xa conta cun importante currículo na organización de eventos ciclistas e estamos moi interesados en dar ese salto de calidade que suporía traer ese Campionato de Europa de 2024 a Pontevedra”. “O ciclismo e o ciclocross teñen un auxe en Pontevedra e as probas se viven con moita paixón. Dispoñemos dun circuíto practicamente urbano (Illa das Esculturas) que é moi recoñecido por parte dos deportistas, xa que se presta a ver carreiras espectaculares, e contamos cun prestixio internacional na organización de eventos deportivos que nos fai ser optimistas sobre a posibilidade de que a UEC nos considere para albergar esa proba. Agardemos que nas vindeiras semanas poidamos ter boas noticias neste eido”, asegurou Tino Fernández.

O presidente da FGC agradeceu a aposta do concelleiro de Deportes polo ciclismo e o ciclocross, que se traduciu “nesta candidatura que está vista con moi bos ollos a nivel nacional e conta co aval da Federación Española de Ciclismo”. Segundo sinalou Juan Carlos Muñiz, a falta dun par de flecos, “a Unión Europea de Ciclismo acaba de darnos o visto bo directamente e coido que nas vindeiras semanas ou, como moito, neste primeiro trimestre, teremos xa unha resposta”.

“As negociacións están moi avanzadas -apuntou Muñiz- e acabamos de recibir o contrato final para revisalo ben e facer algunha proposta ou alegato. Dentro de moi pouquiño poderemos anunciar xa ese Campionato de Europa soñado, ese premio a todo o traballo de organización que levamos feito e que está avalado por dúas copas de España de nivel internacional. Fomos subindo chanzos, chegando a probas de nivel C2 e C1, e Pontevedra logrou marcar un antes e un despois no ciclocross galego: hai uns anos tiñamos cinco ou seis probas e agora vimos de pechar un calendario con 17 probas, dúas delas internacionais, e para este 2023 xa estamos a falar de cinco probas en Galicia, das que catro van ser na provincia de Pontevedra”.

O mellorciño do ciclocross mundial entre os entre 800 e 1.000 ciclistas participantes

Ao seu xeito de entender, “que a Unión Europea de Ciclismo nos dea o ‘ok’ para celebrar ese Campionato de Europa nun sitio espectacular como a Illa das Esculturas permitirá poñer en valor a nosa riqueza paisaxística, a nosa cultura e, sobre todo, a nosa gastronomía”. O presidente da FGC cre que esta competición converteranos “no centro do ciclocross a nivel europeo e case diría que mundial”, xa que “imos ter aquí ao mellorciño do ciclocross”, e suporá “un balón de osíxeno para a economía pontevedresa, en especial para a hostalería, ao atraer á cidade a entre 800 e 1.000 participantes, multiplicados por tres ou catro se temos en conta os equipos, staff técnico, masaxistas, directores, mecánicos… E seguidores que van ver este tipo de eventos”.

Tino Fernández agarda que, unha vez que a organización do evento se lle conceda a Pontevedra, se poidan establecer canles de comunicación con Xunta de Galicia e Deputación “para que nos boten unha man”. Na súa opinión, aínda que a proba se celebre na nosa cidade, “seguramente o número de persoas que veñan non terán cabida a nivel hoteleiro en Pontevedra e iso implica que toda a comarca se vexa beneficiada”. “Imos paso a paso e, unha vez que teñamos asegurado o Campionato, falaremos con outras administracións e buscaremos patrocinadores”, avanzou o edil do PSOE.

Fonte: Concello de Pontevedra 

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es