Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Xunta identifica e cartografía 52 rutas con máis de 2.300 km desde as que desfrutar da paisaxe

14 DE SEPTIEMBRE DE 2022

O visor 'A paisaxe de Galicia desde a bicicleta' conta con fichas descargables cos datos máis importantes como fotografías, mapas, perfís de terreo e a situación dos miradoiros e dos lugares con alto valor paisaxístico

A-Xunta-identifica-e-cartografia-52-rutas-con-mais-de-2300-km-desde-as-que-desfrutar-da-paisaxe

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou hoxe o visor A paisaxe de Galicia desde a bicicleta, unha ferramenta que inclúe 52 rutas con alto valor paisaxístico con máis de 2.300 quilómetros que descorren polas catro provincias galegas. “Trátase de percorridos seguros e naturais que ofrecen alternativas para diferentes niveis de dificultade co obxectivo de que moitas rutas sexan aptas para as familias”, engadiu a conselleira, que estivo acompañada por Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego.

A paisaxe de Galicia desde a bicicleta forma parte da Colección Paisaxe Galega, unha serie de guías monográficas que conta cun investimento de máis de 750.000 euros e que, coa presentada hoxe, inclúe xa 13 publicacións e 7 están en elaboración. O seu obxectivo é protexer as diferentes formas de paisaxe existentes na Comunidade, impulsando a súa conservación e o seu mantemento e ofrecendo criterios para a planificación e deseño das futuras intervencións sobre o territorio.

Nesta ocasión, non obstante, déuselle formato de visor para, segundo explicou a conselleira, “facela interactiva e permitir a planificación de rutas a medida” . Deste xeito, cada percorrido conta con fichas descargables cos datos máis importantes como fotografías, mapas, perfís de terreo e, por suposto, a situación dos miradoiros e dos lugares con alto valor paisaxístico.

Ademais de facilitar ao máximo a navegación, este visor permite ver en detalle as rutas para realizar unha planificación e gardar o percorrido en diferentes dispositivos como reloxos intelixentes, GPS ou móbiles. A maiores, tamén ofrece a posibilidade de utilizar a plataforma Wikiloc, gratuíta e cun uso moi estendido ao contar con 10 millóns de usuarios.

Esta guía, elaborada polo Instituto de Estudos para o Territorio coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo, ofrece unha “experiencia turística diferenciadora para descubrir as nosas paisaxes e uns percorridos cos que poder coñecer desde a bicicleta todo o que ofrece a nosa Comunidade”, concluíu Ángeles Vázquez.

Fonte: Xunta de Galicia 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es