Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Nace Manzaneda Gran Fondo, o evento cicloturista que estabas agardando

03 DE MAYO DE 2023

O vindeiro 3 de setembro celebrarase a primeira edición desta marcha organizada pola Federación Ciclismo Galego. Podes elixir entre dúas distancias e as inscricións, con descontos, xa están abertas.

Nace-Manzaneda-Gran-Fondo-o-evento-cicloturista-que-estabas-agardando

Rodar, explorar e desfrutar. Os tres conceptos máis valorados polo pelotón cicloturista danse a man na cita que o vindeiro 3 de setembro se estreará na provincia de Ourense. Chega a primeira edición da Manzaneda Gran Fondo, o evento ideado pola Federación Ciclismo Galego e que responde aos desexos de calquera amante da bicicleta. 

Esta proposta deportiva e de lecer ofrece dúas distancias para todas e todos os interesados en pedalear a través das paisaxes naturais das comarcas de Terras de Trives e Caldelas. A Manzaneda Gran Fondo non é unha competición e moverase controlada por un dispositivo que garantirá a seguridade. Iso si, cada ciclista poderá poñerse a proba elixindo o ritmo que máis lle conveña no treito libre das subidas finais. 

Os dous percorridos arrancan dende a Estación de Montaña de Manzaneda e comparten as ascensións do Alto de Cedeira e do Suspiazo, así como o avituallamento de Chandrexa de Queixa, antes de separarse. O Gran Fondo alcanza os 127 quilómetros e o Medio Fondo, os 88 km. Tanto nunha como outra opción a liña de meta estará situada no cumio de Cabeza de Manzaneda.

imagen

A última subida que se afrontará no Gran Fondo, despois do avituallamento de Manzaneda, ten unha lonxitude de 17,5 km e un desnivel medio do 6,3%. Os derradeiros 7 km son compartidos, pero no Medio Fondo o treito inicial desa ascensión é menos esixente, polo que os 16,8 km das ramplas que conducen ata a meta quedan nun 3,4% de pendente media. 

imagen

Estes dous trazados, adaptados ao estado físico e á motivación de cada participante, transcorren por un total de sete concellos. Pobra de Trives, San Xoán de Río, Castro Caldelas, A Teixeira, Montederramo, Chandrexa de Queixa e Manzaneda apostan por esta iniciativa cicloturista que non sería posible sen o apoio da Estación de Montaña de Manzaneda, da Xunta de Galicia, de Deporte Galego e da Deputación de Ourense. Un proxecto en común que chegou para quedarse. 

Inscricións e chaleco oficial

O prazo para reservar dorsal e estar presente o domingo 3 de setembro, ás 09:30 horas, na liña de saída xa se abriu e comeza con descontos. As 100 primeiras inscricións poden aproveitar o prezo súper reducido de 15 euros, para as 100 seguintes a tarifa é de 20 euros e a partir da 200 queda fixada en 25 euros. No caso das e dos ciclistas non federados deberán abonar 10 euros máis. 

Outra promoción en marcha ten data de finalización. Ata o 15 de xullo existirá a opción de comprar o chaleco oficial, deseñado por OTTOBOSLEY, a un prezo de 22 euros. 

imagen

Oferta de aloxamento

A Estación de Montaña de Manzaneda festexa o debut deste Gran Fondo ofrecendo prezos especiais para aloxarse. Os participantes poden aproveitarse das seguintes tarifas:

Apartamento 2 Pax.....70 euros/noite

Apartamento 4 Pax.....120 euros/noite

Apartamento 7 Pax.....190 euros/noite

Opción en Media Pensión.....+20 euros

Esta oferta inclúe piscina ou spa durante unha hora e lavabicicletas. As reservas realízanse chamando ao númerto de teléfono 988 30 90 90. 

imagen

Non te perdas a primeira Manzaneda Gran Fondo. Agardámoste para rodar, explorar e desfrutar xuntos!

Máis información e inscricións

 

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es