Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A FCG traballou cos juniors de estrada no Barbanza

20 DE ABRIL DE 2022

A xornada formativa combinou adestramento e charlas

A-FCG-traballou-cos-juniors-de-estrada-no-Barbanza-

A comarca do Babanza repetiu por segunda fin de semana consecutiva como punto de encontro dos juniors galegos de estrada. Se a primeira vez foi para a disputa da Challenge Volta Ao Barbanza, o pasado sábado acolleu unha das xornadas de formación que a Federación Ciclismo Galego vén levando a cabo con ciclistas de varias categorías e modalidades. Os xuvenís citados por Jacobo Ucha, técnico e seleccionador da FCG, traballaron tanto a parte práctica do ciclismo como a teórica. 

A sesión matinal consistiu nun adestramento de tres horas e media no que os dezasete corredores juniors acumularon 113 quilómetros nas súas pernas. Este percorrido, que comezou e acabou en Boiro, incluíu a ascensión ao alto da Curota (Pobra do Caramiñal). O corredor profesional Guillermo García Janeiro (Radio Popular Boavista) e o sub23 Ángel Maneiro (Vigo-Rías Baixas) formaron parte do minipelotón da FCG que rodou polas estradas do Barbanza. 

Pola tarde, despois de xantar no Hotel Os Trillizos, chegou a quenda das charlas na Asociación Boirense de Empresarios (ABE). Abriu a sesión o ciclista elite Jorge Punzón impartindo a conferencia 'A importancia do adestramento da Forza no Ciclismo'. Os juniors continuaron aprendendo con Guillermo García Janeiro. O pontevedrés recordou a súa etapa como xuvenil, proclamándose campión de España de CRI e acudindo ao Mundial, o seu paso pola categoría sub23 e o soño cumprido esta temporada en 'O Gran Camiño' de competir como profesional na súa terra. 

Para despedir a xornada tamén interviron Ucha e David Carrillo, secretario da FCG. Os representantes federativos explicaron a metodoloxía de traballo que se vai aplicar ao longo desta campaña nas concentracións e nas competicións ás que asista a Selección de Galicia. Esta convivencia non foi a única que se celebrou durante a Semana Santa. O xoves realizouse unha de DHI con cadetes e juniors, e o venres os árbitros recibiron un curso de actualización. 

GALERÍA DE FOTOS

A FCG traballou cos juniors de estrada no Barbanza
A FCG traballou cos juniors de estrada no Barbanza
A FCG traballou cos juniors de estrada no Barbanza
A FCG traballou cos juniors de estrada no Barbanza
A FCG traballou cos juniors de estrada no Barbanza
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es