30 DE ENERO DE 2021
Un mal día para pechar outra gran temporada. Iván Feijoo abandonou na terceira das seis voltas do Mundial Sub23 de Ciclocrós celebrado este sábado na localidade belga de Ostende. O tricampión de España sub23 non atopou en ningún momento o seu golpe de pedal. Cuestión de sensacións e dun atípico circuíto no que resulta crucial un treito de 500 metros pola praia.
A densa area da cidade flamenca sepultou o soño do alaricano e de todo o ciclocrós galego. Nunca un representante autonómico se colgara unha medalla no Mundial e Feijoo partía como un dos candidatos ao podio na súa última carreira como sub23. O ourensán asinou unha saída á altura da súa ambición. Nos primeiros metros situouse segundo, pero non conseguiu darlle continuidade a súa posta en escena e ao remate da primeira volta marchaba na 42ª posición.
Nun día frío, húmido e desapacible, os holandeses e os belgas coparon os oito primeiros postos. Sen opcións de mellor a sexta praza lograda en Suíza 2020, Feijoo baixouse da bicicleta no ecuador da carreira. "Abandonar nun Mundial nunca é fácil. O que teño claro é que volverei máis forte que nunca. Grazas a todos polo apoio", publicou o de Allariz na súa conta de Instagram.
Malia non encontrar o tesouro que buscaba na praia de Ostende, o corredor do Nesta Skoda Alecar volveu asinar outra temporada para o recordo. Conquistou en Tabor (República Checa) o primeiro podio sub23 dun galego na Copa do Mundo e revalidou a súa coroa estatal. Con 21 anos (fará 22 en abril), a vindeira campaña agárdao o seu primeiro Mundial como Elite.
FEDERACIÓN
EVENTOS
EVENTOS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
EVENTOS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es