Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Susana Alonso revalida en León o título de campioa de España de XC Ultramaratón

24 DE OCTUBRE DE 2021

A Selección de Galicia logrou a vitoria elite coa mosense e o terceiro posto coa pontenovesa Teresa Barreira. Tres podios autonómicos en masters.

Susana-Alonso-revalida-en-Leon-o-titulo-de-campioa-de-Espana-de-XC-Ultramaraton

Huelva no 2018, Calamocha no 2019 e León no 2021. Por terceira edición consecutiva Susana Alonso impúxose no Campeonato de España de XC Ultramaratón. A biker de Mos revalidou este sábado a súa coroa nos 130 quilómetros da Power Race León e no podio estivo acompañada pola pontenovesa Teresa Barreira, terceira clasificada, a outra corredora elite que defendeu as cores da Selección de Galicia na última gran cita do calendario estatal de BTT.

Nunha xornada marcada polo frío, coa temperatura oscilando entre os 3 e os 15 graos, a chuvia non fixo acto de presenza nun percorrido no que case se acumulaban 3.000 metros de desnivel positivo. O trazado era moi ‘rodador’, o que favoreceu que se formaran grupos moi definidos unha vez que se rachou o pelotón. Os primeiros 30 km estaban sinalizados e a partir de aí, ata o quilómetro 110, o GPS exerceu de guía.

O dúo feminino da Selección de Galicia marcou un ritmo moi alto dende a saída e a maioría das corredoras non o aguantaron. Ramona Gabriel (Federación Catalana) completou o primeiro terzo da carreira en cabeza, con Alonso moi preto dela e Barreira ocupando a terceira posición. A poucos minutos da biker de A Pontenova marchaba un grupo de catro ciclistas.

A defensora do título pasou á acción no segundo terzo da proba e Alonso adiantou a Gabriel para paseniñamente ampliar a súa vantaxe ata os 2 minutos. Mentres, Barreira resistía na terceira praza despois de que Marta Romeu (Federación Valenciana) chegara a súa altura, pero a valenciana sufriu unha caída que lle obrigou a retirarse.

Un pouco máis atrás, a galega Eva Ortega (Biciosos Rías Baixas) lideraba con autoridade entre as máster-30 ata que cometeu un erro co seu GPS, despedíndose dunha vitoria que tiña no peto e tendo que conformarse co subcampionato.

O man a man polo triunfo elite e absoluto mantívose ata o final. Alonso cruzou a liña de meta cun tempo de 6 horas 44 minutos e  11 segundos, vencendo con 4:43 de vantaxe respecto a Gabriel. A sete minutos e medio da súa compañeira de Selección, e de equipo no Extol MTB Team, concluíu Barreira radiante de felicidade. A lucense resistiu no terceiro posto grazas ao seu ritmo constante de principio a fin e sen debilitarse en ningún momento. Entre as nove primeiras elites clasificáronse outras dúas galegas: Mar Delgado (Monteneme) fixo sexta e Cecilia Abal (Trotacumes), sétima.

“Hoxe había que navegar e era complicado, non só era unha cuestión de quen estaba máis forte. Ao principio da carreira fixo moito frío e cando saíu o sol veume ben, para entrar en calor, coller o ritmo e acabar con forza”, comentou Alonso. “Empecei a temporada un pouco frouxa, sen moito ritmo de competición despois do parón, e satisfaime moitísimo este bo final de ano”, engadiu a de Mos.

Ademais dos dous podios elites da Selección de Galicia, dirixida por Esteban Lorenzo e Jacobo Ucha, e do máster-30 B de Eva Ortega, o BTT autonómico sumou outra medalla feminina nas máster-40. A porriñesa Ana María González Cuña (Mitto X-Sauce) obtivo o metal de bronce no seu grupo de idade.

Selección masculina

Os dous representantes masculinos da Selección de Galicia tamén comezaron movéndose nas posicións de cabeza. Porén, as malas novas non tardaron en chegar para os intereses do combinado autonómico. Nunha primeira baixada con moitas pedras soltas, Brandan Márquez topouse de fronte cunha pedra de importantes dimensións cando estaba realizando un adiantamento e a súa roda traseira non puido resistir o impacto.

O abandono do vigués produciuse co seu compañeiro de selección Javier Busto manténdose entre os favoritos, pero o lalinense empezou a notar pouco a pouco que non era o seu día. Quedouse descolgado e as súas malas sensacións levárono a levantar o pé e deixarse levar ata rematar a carreira.

Á colleita de medallas autonómicas contribuíu Manuel Casuso (Xesteiras), logrando a segunda praza nos máster-30B e dous corredores galegos quedaron a un paso de pisar o caixón nos grupos de idade máster. Sergio Mariño (Sanomedio) terminou cuarto nos máster-30 A, mesmo posto que asinou Delmiro Acevedo (Burgas Bike) nos máster-40 A.

 

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Susana Alonso revalida en León o título de campioa de España de XC Ultramaratón
Susana Alonso revalida en León o título de campioa de España de XC Ultramaratón
Susana Alonso revalida en León o título de campioa de España de XC Ultramaratón
Susana Alonso revalida en León o título de campioa de España de XC Ultramaratón
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es