Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Damián Ramos e Iván Montero acumulan postos de honra no seu primeiro Campionato de Europa

01 DE JUNIO DE 2022

O corredor de bicicleta adaptada asinou unha dobre sexta praza e o handbiker obtivo como resultado máis sobranceiro a cuarta posición no Team Relay

Damian-Ramos-e-Ivan-Montero-acumulan-postos-de-honra-no-seu-debut-nun-Campionato-de-Europa

Estrea por partida dobre para o ciclismo adaptado galego no Campionato de Europa que se celebrou a pasada semana en Austria. O corredor de bicicleta adaptada Damián Ramos e o handbiker Iván Manoel Montero descubriron a gran cita do paraciclismo continental representando á selección española. Unha experiencia ao máximo nivel na que acumularon postos de honra.

O primeiro dos dous coruñeses do Paraciclismo Galicia que competiu en Upper Austria foi Montero. Ao igual que acontecera nos dos últimos eventos da Copa do Mundo, formou parte do trío español no Team Relay de handbikes. O combinado dirixido por Félix García Casas comezou a carreira sufrindo unha picada e conseguiu remontar ata a cuarta posición.

O vixente campión estatal MH5 completou a súa actuación facendo oitavo nas dúas probas individuais. Montero non rematou satisfeito a contra o reloxo, cun tempo de 49:16 nun percorrido de 27,4 quilómetros, pero si coas sensacións que tivo na carreira en liña. 

Pola súa banda, Damián Ramos tamén se abonou a un resultado nas competicións individuais. No seu debut coas cores de España, o paraciclista da clase C5 asinou unha meritoria sexta posición na CRI de 22,4 km, detendo o reloxo en 30:48 e clasificándose por diante de Juan Antonio Sánchez, o outro representante da RFEC.  

Ao día seguinte a carreira de fondo resolveuse cun balance idéntico para o equipo español tras un final no que Ramos se xogou ao esprint a quinta praza co austríaco Franz-Josef Lasser. 

 

GALERÍA DE FOTOS

Damián Ramos e Iván Montero acumulan postos de honra no seu primeiro Campionato de Europa
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es