Facebook Twitter Youtube Instagram Español

España preselecciona a María Filgueiras e Lara Fuentes para as olimpiadas da xuventude europea

08 DE JUNIO DE 2022

As dúas corredoras cadetes están pendentes da lista definitiva para saber se competirán a finais de xullo en Eslovaquia

Espana-preselecciona-a-Maria-Filgueiras-e-Lara-Fuentes-para-as-olimpiadas-da-xuventude-europea

Unha nova que enche de orgullo ao Ciclismo Galego e que recoñece o traballo realizado polos clubs. As corredoras cadetes María Filgueiras (Río Miera-Meruelo) e Lara Fuentes (Cambre) forman parte da preselección de España para participar no Festival Olímpico da Xuventude Europea 2022. Nos vindeiros días coñecerase se finalmente a seleccionadora Gema Pascual as inclúe na lista definitiva para o evento que se celebrará do 24 ao 30 de xullo en Banska Bystrica (Eslovaquia).

A categoría cadete feminina vive un momento doce en Galicia e as nosas ciclistas están acadando grandes resultados en diferentes modalidades. Filgueiras e Fuentes son dous exemplos e poñen de manifesto os froitos acadados polos nosos clubs tras anos mimando a base. A betanceira do Río Miera é a actual campiona de España de ciclocrós e nestes momentos ocupa a terceira praza na xeral da Copa de España de Estrada, mentres que a coruñesa do Cambre lidera a Copa Galicia, certame que se adxudicou o ano pasado, e esta campaña asinou dos Top-10 na Copa de España. 

A Federación Ciclismo Galego desexa felicitar ás dúas ciclistas e en xeral a toda a familia do noso pelotón feminino (clubs, técnicos, organizadores de carreiras...) por un labor de moitos anos que non pasa desapercibido fóra da nosa comunidade. 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es