Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Pablo Rodríguez, top-20 no Mundial de Les Gets

30 DE AGOSTO DE 2022

Unha caída frustrou as aspiracións de medalla de Ángel Suárez

Pablo-Rodriguez-top-20-no-Mundial-de-Les-Gets

O Mundial 2022 de Cross Country Olímpico e Descenso pechouse para España co histórico subcampionato logrado polo andaluz David Valero no XCO elite e cun balance agridoce para a representación galega. Pablo Rodríguez, ademais de festexar o éxito do seu compañeiro de equipo e de selección, conseguiu meterse no top-20. A outra cara da moeda na localidade francesa de Les Gets tocoulla vivir a Ángel Suárez cunha caída que frustrou as súas opcións de medalla. 

O piloto elite vigués avalou a súa candidatura ao podio na clasificatoria do xoves, asinando o terceiro mellor tempo, e a final do sábado comezou de xeito inmellorable para os seus intereses. Suárez situouse como o máis rápido no primeiro punto cronometrado, pero pouco despois sufriu unha aparatosa caída que lle obrigou a retirarse da competición. Só o australiano Troy Brosnan, cuarto clasificado, logrou rebaixar a referencia establecida polo rider olívico no treito inicial do descenso. 

Tras o xerro de auga fría do DHI, o BTT galego recuperou o sorriso o domingo coa actuación de Pablo Rodríguez. O elite macedao rendeu na liña do que está sendo a súa temporada e confirmou o seu bo estado de forma. Indo de menos a maís, cruzou a liña de meta na 20ª posición, a 4:46 do gañador Nino Schurter (Suíza) e obtendo o segundo posto entre os españois, por diante do cántabro Ismael Esteban (44º) e do catalán Jofre Cullell (53º). 

Clasificación XCO

GALERÍA DE FOTOS

Pablo Rodríguez, top-20 no Mundial de Les Gets
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es